Román Rodríguez representa en Bruxelas a todas as comunidades de España nun debate sobre a crise migratoria

O conselleiro participou no Consello de Ministros da Unión Europea, onde abordou os retos que presenta a actual onda migratoria no eido educativo, que debe funcionar como alicerce da inclusión social

A intervención de mañá leva por título ‘Accións conxuntas contra a destrución e o tráfico ilícito do patrimonio cultural en zonas de conflito’

Lun, 23/11/2015 - 17:20
Román Rodríguez representa en Bruxelas a todas as comunidades de España nun debate sobre a crise migratoria
Román Rodríguez representa en Bruxelas a todas as comunidades de España nun debate sobre a crise migratoria

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, representou hoxe en Bruxelas a todas as comunidades autónomas de España con motivo do Consello de Ministros da Unión Europea. A súa intervención no plenario, compartida co ministro Íñigo Méndez de Vigo, é froito da decisión acordada na Conferencia Sectorial de Educación pola que se establece unha quenda de representación autonómica semestral no Consello, sendo Galicia a responsable desta representación no segundo semestre deste ano.

Na sesión de hoxe, o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia leu a intervención consensuada coas demais comunidades autónomas baixo o título ‘Educación e migración: Estratexias para integrar migrantes recén chegados e persoas de contornos migrantes”. Na súa intervención, realizada en galego e con tradución simultánea, Román Rodríguez abordou o principal reto que presenta a actual onda migratoria, que pasa –segundo sinalou– por “asegurar unha adecuada escolarización desde a perspectiva dunha integración territorial equilibrada”.

“O traballo –proseguiu o conselleiro– na adquisición de valores europeos comúns como a liberdade, a democracia, o respecto mutuo e a equidade; como na adquisición das linguas propias nunha realidade estatal plurilingüe, son as bases sobre as que asentar unha sólida convivencia e inclusión”.

Neste sentido, Román Rodríguez salientou que “un fenómeno global como este non pode ser unicamente obxecto de políticas estatais ou rexionais, senón que, desde o máximo respecto á autonomía e competencias dos Estados membros e das rexións, precisa dunha visión estratéxica global europea que inclúa perfilar as políticas xa postas en marcha e a adopción de instrumentos de impacto e de sostén ao longo do tempo”.

Voz autonómica en cultura

Así mesmo, o conselleiro exporá mañá martes o texto de posición común das comunidades autónomas españolas en materia de Cultura, cuxo tema céntrase nas ‘Accións conxuntas contra a destrución e o tráfico ilícito do patrimonio cultural en zonas de conflito’. Neste sentido, Román Rodríguez ofrecerá a colaboración dos territorios rexionais para as estratexias e protocolos de actuación que se fixen para evitar o espolio e a destrución do patrimonio.