Cultura e Educación aborda coa Asociación Anedia o protocolo de atención ao alumnado con diabete, dispoñible para toda a comunidade educativa desde hoxe

O conselleiro Román Rodríguez mantivo unha xuntanza coa Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia con motivo do Día Mundial desta doenza

A addenda específica elaborada pola Consellería para coordinar a atención nos centros educativos xa está colgada na páxina web do departamento educativo

Ven, 13/11/2015 - 20:50
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza cos responsables da Asociación de Nenos e Nenas con Diabete de Galicia (ANEDIA) co fin de abordar a nova addenda de atención ao alumnado con diabete, xurdida a partir do protocolo de ‘Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica’. Ambas enmárcanse na Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal” coa que a Xunta quere dar resposta aos novos retos educativos.

O titular do departamento educativo do Goberno autonómico comunicoulle aos representantes da asociación que tanto a dita addenda como o seu protocolo de referencia están, desde hoxe mesmo, a disposición de toda a comunidade educativa galega. De feito, pódese consultar no web da Consellería de Educación.

Trátase dun documento -elaborado a partir das recomendacións de nais e pais de alumnos con esta doenza, así como de profesionais do sector- onde, primeiramente, se define a doenza, os seus diferentes tipos, os casos de hiperglicemia e hipoglicemia e os seus síntomas. O documento foi consensuado cos responsables de Sanidade.

Orientacións específicas

Tamén se inclúen orientacións que guiarán ao profesorado á hora de atender ao alumnado con diabete en determinadas circunstancias, como no momento de realizar exercicio físico, en actividades extraescolares, no comedor ou no transporte escolar. Ademais, a addenda establece que os docentes, de forma voluntaria, poderán recibir información para apoiar ao alumnado nas labores de control da glicemia e administración de insulina, tendo en conta que se trata de funcións absolutamente seguras, posto que poden ser realizadas por calquera persoa que reciba un adestramento mínimo.

En todo caso, é importante salientar que se recollen os fitos desexables que o alumnado debería acadar no control da súa doenza a medida que pasan os anos. Trátase de fases que varían segundo a idade, partindo dun entendemento da enfermidade como unha actividade máis da súa vida ata acadar a independencia e autocontrol da diabete.