Cultura e Educación, Fundación Alcoa e EL Progreso impulsan unha nova edición de ‘Lugo emprende’ para seguir estimulando o espírito emprendedor entre os máis novos
Un total de 20 centros, máis de 800 alumnos e alumnas e 50 docentes da provincia de Lugo participarán de novo nesta iniciativa, que lles achega o mundo empresarial aos estudantes e os prepara de cara ao futuro mercado laboral
O programa, presentado hoxe no IES Sanxillao, desenvólvese en torno a unha serie de actividades de sensibilización e de formación para alumnado e profesorado
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a Fundación Alcoa e o xornal El Progreso impulsan este curso unha nova edición do proxecto ‘Lugo emprende’ despois da boa acollida do ano pasado, á que se suma tamén a experiencia anterior do programa ‘A Mariña emprende’. Ao igual que no curso 2014-2015, o obxectivo último pasa por estimular o espírito emprendedor entre os máis novos, achegándolles o mundo empresarial para que o coñezan de preto e, deste xeito, se poidan ir preparando de cara ao futuro mercado laboral.
Esta segunda edición de ‘Lugo emprende’ foi presentada hoxe no IES Sanxillao polo director de Educación, Manuel Corredoira; polo presidente de Alcoa España e director general de Aluminio Primario, Rubén Bartolomé González; e polo subdirector do diario El Progreso, Tito Diéguez. Desta volta repiten os mesmos 20 centros educativos que participaron o curso pasado, o que demostra a boa implantación desta iniciativa entre a comunidade escolar da provincia de Lugo.
Con motivo do acto de presentación, Corredoira destacou e agradeceu a colaboración tanto da Fundación Alcoa como de El Progreso en aras de apoiar aos estudantes na mellora da súa preparación. Porque o certo é que con este programa non só se estimulan as capacidades de emprendemento entre os mozos e mozas, senón que estes tamén se inician no ámbito empresarial de cara á súa saída das aulas.
Ademais, experiencias como esta axudan a promover o desenvolvemento das calidades persoais, tales como a creatividade, a iniciativa, a asunción de riscos e a responsabilidade, á vez que favorecen unha conexión directa entre o sistema educativo e o propio entorno.
Desde sexto de Primaria
En total, nesta iniciativa -que entronca co Plan de Emprendemento no Sistema Educativo de Galicia “eduemprende” posto en marcha pola Consellería- participarán máis de 800 alumnos e alumnas de sexto de Educación Primaria, de todos os cursos de ESO, Bacharelato e Formación Profesional, así como máis de 50 docentes.
Dentro das actuacións, organizaranse actividades de sensibilización para o alumnado, como reunións con empresarios e visitas a empresas, e tamén diversas actividades de formación tanto para os estudantes como para os profesores e profesoras participantes. Dentro deste último grupo inclúense xornadas de motivación ou charlas e obradoiros sobre o proceso creativo, o marketing “on line”, a translación da idea ao mercado ou a aplicación das TIC neste eido.
Toda esta información serviralle aos participantes para levar a cabo o seu proxecto final, que variará segundo o nivel do alumnado. Deste xeito, os mozos e mozas de sexto de Primaria e de primeiro e segundo de ESO realizarán unha redacción dunha idea de negocio. Os que cursen terceiro e cuarto de ESO elaborarán un pequeno proxecto de empresa e, por último, os estudantes de Bacharelato e Formación Profesional levarán a cabo un proxecto empresarial.
Centros participantes
Co obxectivo de acadar a maior representabilidade posible, no proxecto participan un total de 13 IES ou CPI (un por comarca), que son o CPI Uxío Novoneira pola comarca dos Ancares; o IES Plurilingüe Fontem Albei pola da Fonsagrada, o IES Val do Asma pola de Chantada, o IES Sanxillado pola de Lugo, o IES de Foz pola comarca da Mariña central, o IES de María Sarmiento pola da Mariña occidental, o IES de Ribadeo pola da Mariña oriental, o IES Pedregal de Irimia pola comarca de Meira, o CPI Poeta Uxío Noveneira da comarca de Quiroga, o IES Gregorio Fernández da de Sarria, o IES Lois Peña Novo da Terra Chá, o IES A Pinguela da Terra de Lemos e o IES de Monterroso pola comarca de Ulloa.
A maiores, seleccionáronse outros catro centros situados nos concellos con maior poboación da provincia –o CEIP Luís Pimentel (Lugo), o CPR Padres Escolapios (Monforte de Lemos), o CEIP Antonio Insua Bermúdez (Vilalba) e o CEP Luís Tobío (Viveiro) – e tres CIFP con viveiro de empresas, o CIFP As Mercedes, o CIFP Politécnico de Lugo e o CIPF Porta da Auga, este último de Ribadeo.
Compromiso cos máis novos
Pola súa banda, a Fundación Alcoa reitera o seu compromiso coa formación dos mozos e mozas, que se materializa en diversas colaboracións coa Consellería, como este programa, ‘A Mariña Emprende’ ou ‘A Coruña emprende’, presentado onte mesmo en Culleredo. Ademais, a entidade tamén coopera na incorporación da formación en prevención de riscos laborais en diversos centros de FP, así como na posta en marcha do ciclo de grao superior de Química Industrial no IES Marqués de Sargadelos e do ciclo de grao superior de Programación da produción en moldeado de metais e polímetros no IES Illa de Sarón.
Así mesmo, a Fundación vén apoiando proxectos de institucións e organización para mellorar as oportunidades en educación e formación, saúde e seguridade, e respecto ao medio ambiente, co obxectivo final de contribuír a mellorar a calidade de vida das comunidades nas que Alcoa está presente.