Cultura e Educación recoñece a 20 estudantes cos premios extraordinarios de secundaria polo seu rendemento académico
Este galardón valora o esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego
O 60 por cento dos premiados ten unha cualificación media de entre 9,75 e 10 puntos
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de conceder a 20 alumnas e alumnos galegos os Premios Extraordinarios de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) ao rendemento académico correspondentes ao curso 2014/2015. Estes galardóns supoñen o recoñecemento do esforzo e a dedicación do alumnado que cursou, cun excelente aproveitamento, a educación secundaria obrigatoria no sistema educativo galego.
Cualificación superior a 9 puntos
Todos os premiados obtiveron unha medida das cualificacións en todas as materias dos catro cursos de ESO igual ou superior a 9, e deles, o 60 por cento obtivo unha nota media de entre 9,75 e 10.
Así mesmo lograron as mellores cualificacións na proba realizada para optar a ditos premios, que estaba estruturada en dúas partes. Unha primeira relacionada coas materias de lingua galega e literatura, lingua castelá e literatura e primeira lingua estranxeira; e unha segunda sobre ciencias sociais, xeografía e historia, matemáticas e unha materia a escoller entre bioloxía e xeoloxía, educación plástica e visual, física e química, latín, música e tecnoloxía.
Cada premio está dotado cunha contía de 750 € e supón a anotación da distinción no seu expediente académico, así como un diploma acreditativo. Ademais outórgalles a posibilidade de concorrer aos premios nacionais de educación secundaria obrigatoria.
Listado de premiados
Tal como publica hoxe o DOG (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20151111/AnuncioG0164-031115-000...), nesta edición acadaron o galardón 12 alumnos e alumnas de centros da provincia da Coruña (Pablo Monteagudo Lago do IES Plurilingüe Fontexería, Beltrán Fernández López do IES Plurilingüe de Ames, Alba Sendón Blanco do IES Lamas de Castelo, Héctor Varela Rodríguez do CPR Plurilingüe Compañía de María de Santiago de Compostela, Xián Ardións Liñares do IES Plurilingüe de Ames, David Montoto Pintos do IES de Cacheiras, Cristina Fernández Lema do CPR Plurilingüe Compañía de María da Coruña , Alberto Suárez Fernández e Daniel Pallares Serantes do IES David Buján, Xenevra Adriana Vence Nogueira do IES Eduardo Pondal, David Vaamonde López do IES Plurilingüe Eusebio da Guarda e Ramón Daniel Regueiro Espiño do IES A Pontepedriña), 1 da provincia de Lugo (Saúl Carlos Buján Souto do IES Nosa Sra. dos Ollos Grandes), 3 da provincia de Ourense (Fernando González Fontanals do CPI José García García, Miguel Franco Pérez e Nazaret Vázquez Vázquez do IES O Couto) e 4 de centros da provincia de Pontevedra (Andrea Iglesias Ramas do CPR Plurilingüe Alba, Javier Corral Sertal do CPR Plurilingüe Montesol, David Búa Teijeiro e Nicolá Xoán Le Creurer Quinteiro do IES Rosais 2).