A mocidade achégase á lingua galega a ritmo de hip-hop coa actividade Azou, que se estrea no programa Bocaberta
Política Lingüística inicia hoxe no Grove esta proposta que conxuga un espectáculo e un obradoiro musicais para rapaces e rapazas de 12 a 18 anos
O programa de dinamización lingüística Bocaberta continúa o seu percorrido por todos os concellos de Galicia e esta fin de semana faino coas estreas de Azou e Ola, ola, la!, dúas actividades coas que a Secretaría Xeral de Política Lingüística busca promover o uso do galego entre os máis novos.
A primeira das propostas bota a andar esta tarde na Casa da Cultura do Grove, a partir das 17:00 horas. Trátase de Azou, unha actividade dirixida a rapaces e rapazas de 12 a 18 anos que consta de dous formatos: por unha banda, o espectáculo musical Azou e, por outra, un obradoiro impartido por Serxio Regos, “García MC”, do colectivo hip-hop Dios Ke Te Crew. A través deste obradoiro, Azou dá a coñecer, dunha forma participativa, diferentes vertentes artísticas da cultura hip-hop, centrándose nunha delas: o rap, como técnica lingüística e ferramenta comunicativa.
A idea e o espectáculo da actividade Azou, desenvolvida en colaboración coa empresa Ouvirmos, xiran arredor do proceso de creación dunha banda de música formada por dúas mozas e un mozo. Os protagonistas, cheos de enerxía e talento, cantan, bailan e poñen en escena unha proposta única que, facendo uso das últimas tendencias tecnolóxicas, mestura imaxes, sons e animacións. Trátase dun proxecto transversal que continúa na rede a través do web www.azou.eu e das canles de diferentes redes sociais, como Tuenti, Facebook ou Flickr.
O musical infantil Ola, ola, la!
A outra das actividades que se estrea esta semana no marco do programa de dinamización lingüística Bocaberta é Ola, ola, la!, na que a secretaría xeral vai da man da Editorial Galaxia. O Coliseo Noela de Noia será mañá, ás 18:30 horas, o escenario da estrea deste musical infantil dirixido a nenos e nenas de 4 a 8 anos.
O coñecido grupo musical Mamá Cabra é o encargado de materializar esta iniciativa. Coa axuda dun DVD-Karaoke, o conxunto fará que os pequenos e pequenas se sintan parte da banda, coreando melodías infantís en galego, aprendendo novas palabras e gozando a través do xogo e da música.
Múltiples temas e formatos para promover o uso do galego
Ademais desta iniciativa, o programa Bocaberta 2010-2011 abrangue outras moitas actividades de diversas temáticas. A música pop, a maxia, as tecnoloxías da información e da comunicación, os monicreques, a animación á lectura ou a expresión oral tamén se inclúen en Bocaberta a través do resto de actividades que conforman o programa: Palabras no ar, En clave de conto, Detrás da canción, A guerra das bruxas, Canta música!, Ti creas a historia, Abrapalabra, Señor Mundo, dígame?, Galimatías, Vive os contos, Galimatías, Contos de maxia e Atrapado na torre.
Todas estas actividades chegarán a todos os concellos de Galicia ata o mes de maio de 2011 a través de 747 actuacións. Os horarios e localizacións das actuacións de Bocaberta poden consultarse a través do boletín electrónico semanal do programa, accesible desde a páxina web da Secretaría Xeral de Política Lingüística, http://www.xunta.es/linguagalega. Ademais, Bocaberta conta con canles de actualización permanente dos contidos en Facebook, Twitter e Tuenti.