A lingua galega súmase á promoción da diversidade lingüística e cultural a través da Expolingua Berlín
Política Lingüística participa desde hoxe e ata o domingo nesta feira internacional cun expositor no que ofrece información, recursos e formación sobre o galego
A Secretaría Xeral de Política Lingüística participa desde hoxe e ata o 21 deste mes na vixésimo terceira edición Expolingua Berlín, onde este ano se dan cita un total de 50 idiomas e 200 expositores procedentes de 30 países.
Durante os tres días que dura a feira, a Xunta de Galicia contará cun expositor para difundir a lingua galega e as súas posibilidades de aprendizaxe, facilitando información sobre os recursos dispoñibles na rede, os centros de estudos galegos das universidades alemás e mais os cursos de verán para estranxeiros en Galicia.
O expositor da Xunta de Galicia tamén ofrece información sobre a historia e a situación actual do galego, así como das publicacións que promove a través do Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades. Así mesmo, a secretaría xeral impartirá minicursos de iniciación ao galego para os visitantes interesados en achegarse á lingua propia de Galicia.
Máis de 100 presentacións
Ademais da información e dos materiais que se ofrecen nos expositores, Expolingua Berlín ofrécelles aos seus visitantes un programa de sesións cunha ampla oferta de presentacións, talleres e minicursos de idiomas. Os asistentes poden elixir entre 100 presentacións que cobren numerosos temas, como estudar no estranxeiro, oportunidades laborais noutros países, exames de idiomas e programas internacionais de educación, entre outros.
Potenciar o coñecemento do galego tamén fóra de Galicia
Estudantes, profesores, tradutores, intérpretes e tamén cidadanía en xeral atópanse entre os miles de visitantes que acoden cada ano á Expolingua Berlín para obter consello especializado das múltiples posibilidades que se ofrecen no campo da aprendizaxe e do ensino de idiomas. Neste sentido, a Secretaría Xeral de Política aproveita esta cita internacional co fin de potenciar o coñecemento do galego fóra de Galicia e de favorecer o intercambio de ideas con institucións lingüísticas doutros países.
Un espazo para a promoción da diversidade lingüística
As expolinguas son espazos de encontro de diversas institucións lingüísticas de todo o mundo e entidades de formación en idiomas que buscan favorecer o intercambio e a promoción da diversidade de linguas, así como darlles a coñecer ferramentas e posibilidades de aprendizaxe aos visitantes. Escolas de idiomas de todo o mundo, embaixadas, institutos de cultura, oficinas de turismo, organizacións de intercambio, universidades nacionais e internacionais, promotores de exames oficiais de idiomas e fabricantes de software de aprendizaxe e de tradución asistida por ordenador e editoriais atópanse entre os expositores que se dan cita nestas feiras internacionais.