O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento novas medidas en prol da mellora da convivencia escolar en Galicia e da atención á diversidade do alumnado

Román Rodríguez compareceu hoxe a petición propia para dar conta do inicio do curso 2015/2016

Na súa intervención salientou o éxito de implantación da LOMCE, sinalando que 12.386 alumnos cursan as materias de libre configuración autonómica propostas polo seu departamento

Mar, 27/10/2015 - 14:15
 O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento novas medidas en prol da mellora da convivencia escolar en Galicia e da atención á diversidade do alumnado
O conselleiro de Cultura e Educación anuncia no Parlamento novas medidas en prol da mellora da convivencia escolar en Galicia e da atención á diversidade do alumnado

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, compareceu hoxe a petición propia no Parlamento de Galicia para dar conta do desenvolvemento do inicio do curso escolar 2015/2016, ano académico no que se realizará unha enquisa a 500.000 membros da comunidade educativa para testar a saúde da convivencia escolar nos centros galegos.

Logo dunha primeira enquisa piloto, a macroenquisa online desenvolverase na primeira quincena de novembro e terá como participantes a todo o alumnado, profesorado, familias, directores e persoal non docente de Galicia. Unha vez rematada, corresponderá a cada centro analizar o seu caso particular para elaborar o seu propio Plan de Convivencia; ademais da análise global da convivencia escolar en Galicia que realice a Consellería

Estratexia para a convivencia

Esta actuación enmárcase no desenvolvemento da Estratexia Galega de Convivencia Escolar 2015-2020 “educonvives.gal”, e a ela sumaranse outras novas medidas en prol dunha escola inclusiva e da mellora do clima nas aulas da nosa Comunidade. Neste sentido o conselleiro explicou que o seu departamento ten xa elaboradas unhas ‘Orientacións para garantir a igualdade de xénero, a non discriminación e a liberdade de identidade de xénero’, que foron consensuadas coa asociación de familias con menores trans (Arelas). Nesta liña, indicou tamén que o departamento que dirixe está a preparar un novo protocolo de ‘Atención en urxencias sanitarias e atención educativa ao alumnado con enfermidade crónica’ – coas súas addendas específicas para o alumnado con diabete e para a atención educativa domiciliaria, as primeiras que se desenvolven deste instrumento- , así como un ‘Protocolo integral de Protección de Datos Persoais e Identidade Dixital’, do que xa hai un primeiro borrador do referido á protección de datos; e outro en materia de autismo.

Para a elaboración destes textos contarase coa colaboración tanto das autoridades sanitarias como de diferentes asociacións implicadas para, posteriormente, seren presentados diante do Consello para a Convivencia Escolar da Comunidade Autónoma de Galicia.

Cómpre lembrar, ademais, que a Rede de Orientación educativa de Galicia é unha das mellores do Estado, e que a Comunidade Autónoma dispón dun plantel conformado por uns 3.300 profesionais, entre coidadores, especialistas de Audición e Linguaxe e de Pedagoxía Terapéutica, orientadores e intérpretes de linguaxe de signos.

Éxito da LOMCE

As devanditas actuacións procuran unha mellora do sistema educativo, no marco da estratexia xeral en prol da calidade do ensino que supón a implantación da lexislación orgánica vixente neste eido, a LOMCE ; en 1º, 3º e 5º de primaria no curso 14-15; no resto dos cursos desta etapa, en 1º e 2º de ESO e en 1º de Bacharelato no presente ano académico. Neste sentido o conselleiro quixo salientar “a boa acollida que os centros educativos galegos deron á posibilidade de ofertar materias de libre configuración, entre as que se atopaban Oratoria e Xadrez, a partir dun acordo parlamentario promovido polo grupo maioritario nesta Cámara”.

Non en balde, un total de 12.386 alumnas e alumnos de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO) e Bacharelato de centros de ensino galegos cursan as materias de libre configuración autonómica propostas pola Consellería Segundo os datos recompilados polo departamento educativo da Xunta de Galicia, a que máis matriculados rexistra é de Investigación e Tratamento da Información, seguido de Oratoria e a de Programación.

Por etapas educativas, en ESO impártense Educación financeira, con 263 matriculados; Investigación e Tratamento da Información, con 3.141; Oratoria, que acada os 2.727; Paisaxe e sustentabilidade, con 644; Programación, con 1.785; Promoción de Estilos de Vida Saudable, que ten 1.629 inscritos; e Xadrez, que cursan 684 alumnos e alumnas. No referido ao Bacharelato, Antropoloxía rexistrou 1.076 matriculados, Literaturas Hispánicas 96 e Robótica conta con 341 inscritos.

Máis investimentos

Ademais do esforzo do conxunto da comunidade educativa para a posta en marcha da LOMCE, Román Rodríguez quixo salientar o traballo realizado durante o verán polo seu departamento para a mellora das instalacións dos centros de ensino. Neste sentido salientou un investimento de 32’7 millóns de euros a partir de fondos FEDER,  Fondo de Compensación Interterritorial (FCI), fondos propios da Consellería e achegas das deputacións provinciais (agás á da Coruña); grazas  ao que foi posible a mellora e ampliación de numerosos centros, así como o comezo dos labores para a dixitalización - en colaboración coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia- da totalidade das aulas de ensino público de Galicia a partires de 5º de Primaria.

Neste mesmo marco de investimentos o conselleiro salientou o esforzo en equipamento en Formación Profesional, do cal se beneficiarán 46 centros e un total de 3.541 alumnos de 118 ciclos formativos. Trátase de dotar a estes centros de equipamentos de alto valor tecnolóxico (autómatas, robots, adestradores, simuladores) para o seu uso nas aulas de FP, adquirindo un total de  287 unidades repartidas en 24 tipos de equipamentos distintos relacionados coa electricidade e a electrónica, a fabricación mecánica, a instalación e mantemento e o transporte e mantemento de vehículos, entre outros. “Unha dotación que resulta fundamental para que os alumnos manexen as últimas tecnoloxías nos seus obradoiros de aprendizaxe, co que acadarán unha maior cualificación para o mercado do traballo”, destacou.

Calidade e equidade

A maiores do impulso á calidade e das inversións, o sistema educativo galego do presente e do futuro baséase na equidade. Para iso, o Goberno galego ten posto en marcha un sistema de comedor escolar baseado na renda familiar, un dos máis xustos socialmente e asequibles para as familias de todo o Estado español, no que o 85,5% dos usuarios gozaron do servizo de balde ou pagando 1 euro ao día - datos do curso 2014/2015-.

Así mesmo, desenvolveuse o Gratuidade Solidaria para o acceso aos libros do texto, ao abeiro do que se repartiron 216.146 manuais do Fondo Público de libros de texto, se concederon 90.640  axudas  para a compra de manuais e se deron 83.385 vales de 50 euros por neno para que as familias cunha renda pér cápita igual ou inferior a 5.400 euros/ano por membro da unidade familiar adquiriran material escolar.

Neste mesmo sentido, o conselleiro salientou o rápido crecemento do Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, ao abeiro do que hoxe 4 de cada 10 alumnos da educación obrigatoria (preto de 90.000) teñen un ensino plurilingüe, cun 75% dos centros sostidos con fondos públicos participando no programa. Non en balde, a Rede de Centros Plurilingües está composta por 257 centros, funcionan 3.630 seccións bilingües e 454 auxiliares de conversa prestan apoio ao ensino de idiomas en Galicia.

Á vista destes datos Román Rodríguez quixo agradecer o labor desenvolvido polo persoal docente e non docente, Inspección educativa, equipos de orientación e demais membros da comunidade escolar nos últimos anos para avanzar na excelencia do sistema de ensino galego, “cunha folla de ruta fundamentada na calidade e na equidade”.