Cultura e Educación financiará a nova sede institucional da UVigo no Berbés co fin de achegar a universidade ao centro da cidade

O conselleiro Román Rodríguez e o reitor Salustiano Mato mantiveron unha xuntanza para abordar este proxecto, que se levará a cabo ao longo dos vindeiros tres anos

Os tres edificios que se reformarán albergarán servizos administrativos, de I+D+i, un Centro de Linguas e espazos de coworking, entre outros usos

Lun, 26/10/2015 - 14:25
 Cultura e Educación financiará a nova sede institucional da UVigo no Berbés co fin de achegar a universidade ao centro da cidade
Cultura e Educación financiará a nova sede institucional da UVigo no Berbés co fin de achegar a universidade ao centro da cidade

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez; e o reitor da Universidade de Vigo (UVigo), Salustiano Mato, mantiveron hoxe unha xuntanza para abordar o proxecto de rehabilitación de tres inmobles na zona do Berbés co fin de crear unha gran sede institucional da universidade en pleno centro de Vigo, achegando así a institución académica ao corazón da cidade.

Deste xeito, e co obxectivo de dar resposta a “unha reivindicación histórica da Universidade de Vigo” –en palabras do conselleiro–, a Consellería comprométese a financiar esta actuación, á que destinará arredor de 1,5 millóns de euros e que se realizará ao longo dos vindeiros tres anos. O horizonte temporal que se contempla pasa por comezar co proceso entre finais deste ano e inicios do que vén e rematar a obra a finais do 2018.

Román Rodríguez destacou que se trata dunha actuación “desexada, moi solicitada e de gran repercusión tanto para a propia universidade como para o Casco Vello de Vigo”, posto que axudará a revitalizar unha das principais arterias da cidade da oliveira. Esta acción é froito -continuou o conselleiro- "dunha suma de diferentes vontades" en torno a unha idea, que non é outra que "traballar no que é útil para os cidadáns", sinalou.

Múltiples usos

Tal e como explicaron o titular do departamento educativo da Xunta de Galicia e mais o reitor, a obra abranguerá a rehabilitación de tres edificios que suman unha superficie de máis de 1.500 metros cadrados. Unha vez rematada a reforma, a nova sede institucional da UVigo albergará a persoal administrativo, do reitorado e de I+D+I. Ademais, tamén se instalará o Centro de Linguas, habilitaranse espazos de coworking e zonas para impartir conferencias, organizar actos ou levar a cabo outra serie de accións culturais.

Universidade como “ente próximo”

Todo isto favorecerá o contacto directo da cidade coa vida académica, promovendo así o coñecemento das actuacións que se levan a cabo na institución e convertendo á Universidade de Vigo “nun ente próximo e non illado da urbe”, salientou o conselleiro. “Queremos unha universidade imbricada e implicada coa sociedade civil", resaltou.