A Consellería de Educación reúne a representantes das administracións educativas das Comunidades Autónomas nunha xornada de traballo en Santiago de Compostela
O encontro ten como obxectivo o intercambio de experiencias sobre a ensinanza de linguas nas Escolas Oficias de Idiomas
Representantes das Administracións educativas das Comunidades Autónomas reúnense hoxe nunha xornada de traballo sobre as ensinanzas de linguas nas Escolas Oficiais de Idiomas. O encontro, organizado pola Consellería de Educación, celébrase ao longo do día na sede da Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela.
Neste encontro, os responsables dos diferentes departamentos que xestionan as EEOOII nas Comunidades participantes intercambiaron información e experiencias cos representantes da Dirección Xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa da Consellería de Educación. O obxectivo é o de analizar a actual situación das ensinanzas nas EEOOII, e plantexar posibles vías de mellora e colaboración nos sistemas de certificación do coñecemento de idiomas nas distintas CCAA.
Así, entre os temas máis destacados, abordáronse cuestións referidas á formación permanente do profesorado e temas relacionados coa mellora da organización, funcionamento e xestión das escolas oficiais de idiomas.
Normativa específica
Ademais, o director xeral de Educación, José Luis Mira, explicou aos asistentes os contidos do primeiro Regulamento Orgánico de Centros (ROC) específico para as EEOOII galegas, que se publica hoxe no Diario Oficial de Galicia. Grazas a este texto, que dá a estes centros unha normativa propia, o alumnado verase beneficiado por unha mellora no acceso e asesoramento sobre recursos didácticos en rede, algo que xa empezou a experimentarse este ano, no que por primeira vez se implantou a preinscrición e matrícula a través de Internet, o que facilitou a xestión e tramitación da matrícula nos centros, evitando as colas de anos anteriores.
Respecto da organización interna dos centros, introdúcense novas figuras e funcións no referente á organización dos departamentos didácticos, como son as coordinacións de curso, de probas de certificación, de actividades culturais e de promoción do idioma, de formación continua, e das tecnoloxías da información e da comunicación. Doutra banda, refórzanse as funcións da vicedirección, no referente á coordinación das actividades culturais, dos plans de avaliación interna e externa da escola, así como na supervisión e uso da tecnoloxías da comunicación. Neste eido a posibilidade que se abre para realizar avaliacións internas e externas é de especial importancia polo carácter das EEOOII como centros de acreditación no coñecemento de idiomas; tanto a nivel interno, co fin de supervisar os estándares de calidade das probas de certificación que se elaboren de acordo coas especificacións establecidas pola normativa; como a nivel externo, na valoración dos servizos ofertados en cada centro.
A Consellería de Educación, no marco do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, está a dar un forte impulso ás ensinanzas de idiomas, tanto a través do incremento da oferta formativa das Escolas Oficiais de Idiomas. Neste marco, ademais do devandito ROC específico e a introdución do procedemento online, no presente curso creáronse dúas novas seccións destes centros, nas localidades de Negreira e Nigrán. Grazas a esta eficiencia na xestión, as EEOOII de Galicia contaron este curso con 1.400 prazas máis en ensinanzas regradas de réxime ordinario, o que supón un 3,5% máis que as ofertadas no ano académico 2009/2010.