Román Rodríguez mantén un encontro con sete investigadores galegos beneficiarios dos programas Starting, Consolidator e Advanced Grants
O conselleiro de Cultura e Educación interesouse polas liñas de traballo destes científicos excelentes, que contan coa selecta axuda que concede o ERC (Consello Europeo de Investigación)
Co obxectivo de apoiar a súa actividade e incentivar a súa permanencia nas universidades galegas, o departamento educativo da Xunta destina 1,2 millóns para que creen ou consoliden o seu propio equipo ou programa de investigación
O novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020 primará os resultados obtidos neste eido
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, mantivo hoxe un encontro con sete investigadores galegos que actualmente contan coa selecta axuda que concede o ERC (Consello Europeo de Investigación) –e, por tanto, beneficiarios dos programas Starting Grants (StG), Consolidator Grants (CoG) e Advanced Grants (AdG)– co obxectivo de coñecer de preto os seus proxectos e intercambiar posturas arredor da actividade científica en aras de abordar os retos e liñas de futuro.
En concreto, á xuntanza asistiu José Luis Mascareñas Cid, que pertence á Universidade de Santiago de Compostela e é o único Advanced co que conta o Sistema Universitario Galego; David Posada González, que desenvolve o seu traballo na Universidade de Vigo e é beneficiario do programa Consolidator; e cinco dos seis Starting cos que conta o SUG: Miguel López Pérez, Rubén Nogueiras Pozo, José Francisco Rivadulla Fernández e Carlos Salgado López, todos da USC. Por parte da Universidade da Coruña asistiu Héctor Gómez Díaz. No encontro non puido participar Diego Martínez Santos, Starting Grants da USC, porque nestes momentos atópase no extranxeiro.
O titular do departamento educativo da Xunta de Galicia interesouse polas liñas de investigación nas que están traballando estes científicos excelentes e mostroulle todo o apoio da Consellería á súa actividade, como xa quedou patente coa posta en marcha do Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento, unha iniciativa que entronca co programa Oportunius e que busca captar e reter o mellor talento investigador de Galicia.
Investigación como piar do novo Plan de Financiamento
Ademais, Román Rodríguez tamén lles trasladou que a actividade investigadora é un piar fundamental dentro do novo Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020. De feito, parte do financiamento por resultados estará vinculado a convocatorias competitivas e, por outra banda, tamén se distribuirá en función dun panel de 12 indicadores no que a I+D+i e a transferencia teñen un peso moi importante.
Máis de 1,2 millóns para apoiar os proxectos
Neste contexto, e co obxectivo de apoiar a actividade destes investigadores, incentivar a súa permanencia no SUG e potenciar a creación dunha rede científica ao seu redor, a Consellería de Cultura e Educación destinou recentemente máis de 1,2 millóns de euros en concepto de axudas complementarias para que estes científicos puidesen crear ou consolidar o seu propio equipo ou programa de investigación.
Ao abeiro deste convenio asinado coas tres universidades galegas, cada StG percibirá 50.000 euros por ano, os CoG recibirán 65.000 e os AdG, 80.000. Estes investigadores principais beneficiaranse deste respaldo económico durante a vixencia –de cinco anos– das súas axudas ERC.
A Consellería considera que é altamente estratéxico apoiar as iniciativas do Consello Europeo de Investigación posto que o éxito nestes programas, máis aló do retorno científico e económico que o investigador xere, supón tamén un indicador de calidade para o organismo no que este desempeña directamente o seu traballo a diario e, por tanto, para o conxunto do sistema galego de I+D+i.