O Centro de Educación Especial Príncipe Felipe terá servizo de comedor escolar, grazas a un acordo entre a Consellería de Educación e a Deputación Provincial de Pontevedra
Terán dereito a utilizar este servizo de forma gratuíta os escolares usuarios de transporte escolar
Un total de 33 alumnas e alumnos do Centro de Educación Especial Príncipe Felipe poderán utilizar este curso o comedor escolar en virtude dun acordo entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Deputación Provincial de Pontevedra. O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura deste acordo, que terá vixencia durante todo este curso escolar.
En virtude do acordado, a Consellería aboará os importes das bolsas de comedor dos 33 escolares do centro que teñen dereito ao uso gratuíto deste servizo, por seren tamén os que se desprazan todos os días ata o centro en transporte escolar, debido á distancia que os separa dos seus fogares.
Pola súa banda, a Deputación de Pontevedra é a responsable de prestar o servizo de comedor na Residencia provincial Príncipe Felipe, situada nas inmediacións do propio centro. Así mesmo, asumirá o acompañamento por parte do persoal docente ata a Residencia, e a atención e o coidado dos alumnos comensais nas súas instalacións, poñendo a disposición do comedor dúas persoas para tal fin.
Con esta iniciativa, e malia a crise económica que obriga a xestionar coa maior eficiencia os recursos públicos, a Consellería de Educación aposta novamente polos comedores escolares, ferramenta de grande importancia para o acceso á escolarización no medio rural, así como de grande axuda para a conciliación da vida laboral e familiar e, neste caso, para a atención á diversidade.