O conselleiro de Educación destaca en dous centros do Porriño o éxito da implantación do plurilingüismo e do proxecto Abalar
Xesús Vázquez Abad visitou hoxe os colexios Antonio Palacios e A Ribeira, e aos IES Ribeira do Louro e Pino Manso
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, destacou hoxe o éxito co que se está a desenvolver a implantación de dous dos programas máis ambiciosos da Consellería, o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras e o Proxecto Abalar, nos centros educativos do Porriño.
Durante unha visita aos colexios Antonio Palacios, ao IES Ribeira do Louro, ao CPI da Ribeira, e ao IES Pino Manso, o conselleiro tivo ademais a oportunidade de comprobar en primeira persoa a evolución das obras de reposición que se están a realizar no CEIP Antonio Palacios, así como de coñecer as experiencias que se están a desenvolver na biblioteca do Pino Manso, que está inserida no Plan de Ampliación e Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE).
Nestas visitas Vázquez Abad estivo acompañado pola delegada da Xunta de Galicia en Vigo, Lucía Molares; polo xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares; e polo alcalde do Porriño, Nelson Santos; ademais de por membros da Inspección educativa da provincia e polos equipos directivos dos respectivos centros.
Máis de 2,8 millóns en obras
No seu percorrido polo CEIP Antonio Palacios, Vázquez Abad amosouse satisfeito polo bo ritmo co que se están a desenvolver as obras de reposición que, grazas ao investimento de máis de 2,7 millóns de euros por parte da Consellería, permitirán aos 446 alumnos deste centro ter unhas instalacións totalmente renovadas. Ademais, o conselleiro lembrou o compromiso da Xunta de Galicia en garantir o bo estado dos centros educativos do concello porriñés, para o que se levan investidos no presente e no pasado curso outros 120.000 euros.
Neste colexio o conselleiro tivo tamén a oportunidade de presenciar a metodoloxía de ensino e aprendizaxe característico da rede de centros plurilingües na que se atopa enmarcado, e nos que ata un terzo do horario lectivo se imparte en inglés, co apoio dun auxiliar de conversa nativo dunha país de fala inglesa. “Este curso 39 alumnas e alumnos de 1º de Primaria do centro verán reforzadas as súas competencias lingüísticas grazas a esta iniciativa do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras”, dixo Vázquez Abad, que explicou ademais que “nos vindeiros cursos as aulas plurilingües iranse estendendo a 2º de Primaria e as etapas sucesivas, co que o número de beneficiados será aínda maior”.
Tras a visita ao Antonio Palacios, o conselleiro comprobou ademais o funcionamento do Proxecto Abalar, xa que o CPI da Ribeira foi un dos 5 seleccionados como centros piloto para poñer en marcha a primeira etapa do proxecto, do que se benefician, neste primeiro curso de implantación, 75 alumnos e alumnas de 5º de Primaria e 1º da ESO.
Ao final da mañá, o titular do departamento de Educación da Xunta visitou o IES Pino Manso, no que puido comprobar o estado das obras de humanización que a Deputación de Pontevedra está realizar neste centro. Xesús Vázquez Abad foi testemuña ademais das iniciativas desenvolvidas na biblioteca do instituto, que está inserida no Plan de Ampliación e Mellora de Bibliotecas Escolares (PLAMBE), do que recibiu este curso 1.300 euros para iniciativas de fomento da lectura. Entre os proxectos desenvolvidos ao abeiro do Plan, o conselleiro interesouse pola revista ‘Eu non fun’, editada polo alumnado; e polas actividades do Club de Lectura no que participan de forma activa os rapaces.
Con estas visitas o responsable gubernamental de Educación continúa a achegarse á realidade dos centros educativos galegos, para coñecer de preto as súas necesidades e comprobar a posta en marcha dos diferentes proxectos impulsados pola Consellería.