Amplíase o prazo para xustificar o gasto da convocatoria de axudas a proxectos de fomento do galego nos centros educativos

A Consellería de Educación publica hoxe no DOG a Orde pola que se poderán presentar as facturas do último trimestre de 2010 ata o 11 de decembro

Lun, 15/11/2010 - 18:20

Os centros educativos que obtiveron financiamento mediante a convocatoria de axudas a proxectos de fomento do uso do galego para o curso escolar 2010-2011 poderán xustificar os gastos ata o próximo día 11 de decembro.

Deste xeito, amplíase do 15 de novembro ao 11 de decembro a data límite para entregar as facturas correspondentes ao último cuadrimestre de 2010 e con cargo ás cales se pagará a primeira anualidade das axudas, correspondente ao 25%. Así se establece na Orde do 8 de novembro de 2010 que publica hoxe a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Diario Oficial de Galicia (DOG).

Para a entrega das facturas correspondentes ao primeiro semestre de 2011, con cargo ás cales se pagará o 75% restante, a data límite mantense para o día 30 de xuño de 2011.

A ampliación deste prazo busca garantir o cumprimento da Orde do 25 de xuño de 2010 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego dos centros educativos de titularidade públlica de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios.

Compra de libros en galego

Por outra banda, desde os gabinetes provinciais de Normalización Lingüística, da Secretaría Xeral de Política Lingüística, envióuselles aos centros de ensino, o pasado mes de outubro, unha nota de carácter informativo na que se recordaban algúns dos principais aspectos desta convocatoria de axudas para os proxectos de fomento do uso do galego.

Nesta nota incidíase, conforme á Orde do 25 de xuño de 2010 pola que se anuncia a convocatoria para a presentación de proxectos de fomento do uso do galego nos centros de titularidade pública para o curso 2010-2011 en que na memoria xustificativa das actividades realizadas é moi importante vincular o gasto con cada actividade (art. 16)”. Ao fío disto, é preciso recordar que a aplicación orzamentaria 09.03.151A.640.4 prevista na dita orde unicamente admite xustificación de gastos de material non inventariable.

A este respecto, a Secretaría Xeral de Política Lingüística recorda que se segue aboando a compra de libros en galego sempre que estes se vinculen directamente con actividades previstas no proxecto de uso do fomento do galego e se xustifiquen debidamente, mantendo  deste xeito os mesmos criterios de convocatorias anteriores no tocante a esta cuestión.

Menús News node R

Colectivo