Arredor de 250 persoas participan nas xornadas 'Erasmus +' que organizan en Santiago a Consellería de Cultura e Educación e o Ministerio
O director xeral de Educación participou esta mañá na apertura do evento, no que se afondará na xestión da mobilidade dos estudantes
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria organiza, en colaboración co Ministerio do ramo, a xornada ‘Erasmus+. A xestión de proxectos de mobilidade de estudantes e persoal de educación superior entre países do programa’, que reúnen hoxe e mañá a arredor de 250 no CIFP Politécnico de Santiago de Compostela. O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación educativa, Manuel Corredoira, participou esta mañá na apertura do encontro, no que durante 2 días, e a través dunha ducia de conferencias, se afondará nas diferentes áreas nas que cómpre actuar para que a experiencia Erasmus sexa un éxito.
Durante a súa intervención o director xeral salientou a importancia do Erasmus + para fomentar a aprendizaxe ao longo da vida, o que supón unha oportunidade fundamental para que os cidadáns da Unión Europea melloren as súas cualificacións formativas e, polo tanto, a súa empregabilidade. Neste sentido sinalou a utilidade da xornada pra informar sobre os protocolos de actuación e de xestión dos proxectos de mobilidade, tanto no referido á FP como á universidades, e desexou que o encontro axude aos participantes e debuxar todas as posibilidades que esta experiencia ofrece.
Cómpre lembrar que o programa Erasmus acaba de recibir o XIX Premio Internacional Grupo Compostela-Xunta de Galicia en recoñecemento á promoción que fai dos valores europeos. Non ne balde, desde a creación en 1987 deste programa da Comisión Europea para a mobilidade de estudantes e de alumnos en prácticas, arredor de 3 millóns de persoas teñen gozado de estadías en outros países ao abeiro desta iniciativa.
Ademais de Manuel Corredoira participaron na inauguración da xornada o director do Servizo Español para a Internacionalización da Educación (SEPIE), Pablo Martín González; o director da unidade de educación superior e da de coordinación deste servizo, José Manuel González Canino e Xosé Areses Vidal, respectivamente e o director do CIFP Politécnico de Santiago, José Manuel Leis Blanco.