A Consellería de Educación forma a máis de 250 xefes dos departamentos de orientación en Santiago
Xesús Vázquez Abad asistiu hoxe á primeira xornada deste encontro, celebrado na Escola Galega de Administración Pública (EGAP)
Máis de 250 orientadores reúnense hoxe nas II Xornadas de Formación de Xefes dos Departamentos de Orientación, organizadas pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria co fin de actualizar os coñecementos destes profesionais e de acadar un enfoque coordinado e cooperativo do seu traballo. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad inaugurou este encontro, que se celebra ao longo do día de hoxe na Escola Galega de Administración Pública (EGAP), en Santiago de Compostela. No acto estivo tamén presente o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, José Luis Mira.
Durante a súa intervención, o conselleiro lembrou o frutífero da anterior xornada de formación, celebrada en maio deste ano; e destacou o valor desta experiencia para informar aos orientadores “de todas as posibilidades formativas e de todos os servizos postos a disposición do alumnado e das persoas adultas para se formaren e buscaren alternativas profesionais ante calquera continxencia”. “Non queremos facer da orientación educativa e profesional espazos estancos”, dixo; “queremos que todo o servizo de orientación participe dun enfoque que vai máis alá da súa etapa. Camiñar na dirección dunha orientación ao longo da vida”.
O conselleiro de Educación incidiu ademais na importancia da orientación educativa, xa que, “en pleno século XXI, inmersos nunha crise que abanea os cimentos dunha sociedade cada vez máis plural, complexa e diversa, temos que tratar de buscar na educación unha vía de solución”. Neste escenario, engadiu, “o servizo de orientación resulta imprescindible para ir trazando os vieiros e buscando as solucións para que todo o alumnado acade un adecuado desenvolvemento persoal, social e profesional e ao longo de toda a súa vida”.
Coordinar actuacións
Estas xornadas dan mostra do apoio da Consellería de Educación aos equipos de orientación dos centros escolares, como ferramenta fundamental para atención á diversidade do alumnado galego, un labor que debe ser desenvolvido desde a Administración educativa en cooperación cos centros escolares, as familias e o conxunto da sociedade. Así, os asistentes abordarán contidos relacionados coas funcións do departamento de orientación e da coordinación cos de outros centros, a orientación preventiva, a intervención por programas, o Plan de emprendemento no ensino non universitario ‘Eduemprende’, ou a intervención dos Equipos de Orientación Específicos nos centros educativos. Ademais presentarase a guía de información académica e profesional para o presente curso académico.
O obxectivo é afondar na interpretación e unificación de criterios de actuación derivados das funcións xerais establecidas para os departamentos de orientación, para definir así accións concretas e estratexias de intervención. Ao tempo, este encontro favorecer a actualización científica, o intercambio de experiencias e a formación de grupos de traballo entre estes profesionais.
Neste sentido cómpre lembrar que Galicia foi a primeira comunidade autónoma en regular a orientación educativa e profesional, integrando estes servizos nos propios centros escolares. Ademais, a Consellería de Educación conta cos Equipos de Orientación Específico (EOEs)- un por cada provincia-, que funcionan como servizo de orientación externo aos centros educativos. Este servizo ten unha composición profesional que pretende dar resposta ás necesidades de intervención externa ligadas a aspectos psicopedagóxicos específicos e a cuestións sociais ou mesmo familiares que teñen incidencia no ámbito educativo.