Valentín García inaugura as exposicións do premio proxecto didáctico Antonio Fraguas
O CEIP O Pombal e o IES Pintor Colmeiro, gañadores da IX edición do premio, elaboraron as mostras ‘Lavadores. Pasado e presente da nosa parroquia’ e ‘A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda’, resultado dos proxectos de investigación homónimos polos que foron galardoados
A Consellería de Cultura e Educación colabora coa Fundación Antonio Fraguas Fraguas nesta iniciativa destinada a achegar os escolares ao patrimonio cultural e lingüístico galego
O Secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, e o presidente do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, inauguraron esta mañá no Museo do Pobo Galego as exposicións ‘Lavadores. Pasado e presente da nosa parroquia’ e ‘A paisaxe lendaria e toponímica do Concello de Silleda’, elaboradas ao longo do curso pasado por alumnado e profesorado do CEIP O Pombal, de Vigo, e do IES Pintor Colmeiro, de Silleda, respectivamente. Ambas as mostras son a materialización dos proxectos de investigación homónimos galardoados a pasada primavera na IX edición do Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, unha iniciativa da Fundación Antonio Fraguas Fraguas coa que vén colaborando desde o ano 2012 a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
Valentín García sinalou que o obxectivo perseguido polo Proxecto Didáctico Antonio Fraguas de achegar o estudantado ao patrimonio cultural de Galicia e, particularmente, ao idiomático, incide positivamente na nosa autoestima e usos lingüísticos, pois “só se aprecia de verdade o que se coñece ben e só se implica un realmente na promoción daquilo que aprecia”. Ademais, referiuse á toponimia, obxecto central dunha das exposicións, como un dos aspectos da lingua que mellor amosan a interrelación entre idiosincrasia e fala, polo que “merece sen recoñecida, tal e como acaba de suceder na recente Lei para a salvagarda do patrimonio inmaterial, como unha parte esencial do noso acervo cultural”.
A canda o secretario xeral de Política Lingüística interviñeron no acto de inauguración o presidente do Padroado da Fundación Antonio Fraguas Fraguas, Justo Beramendi, e os profesores responsables dos proxectos premiados: María Fernanda González, do CEIP O Pombal, e Xoán Carlos Porral, do IES Pintor Colmeiro. Posteriormente, todos eles acompañaron o alumnado dos dous centros educativos nunha visita polas dúas mostras, que a partir de hoxe estarán abertas ao público no Museo do Pobo Galego.
O proxecto didáctico
O Proxecto Didáctico Antonio Fraguas, promovido pola fundación do mesmo nome e apoiado pola Consellería de Cultura e Educación a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, ten a finalidade de achegar os estudantes ao patrimonio lingüístico e cultural galego.
Á súa IX edición presentáronse 8 proxectos doutros tantos centros educativos de primaria e de secundaria. Na modalidade de educación primaria resultou gañador o CEIP O Pombal, de Vigo, e na modalidade de secundaria o galardón recaeu no IES Pintor Colmeiro, de Silleda.
Os premios están dotados con 7000 euros cada un que deben destinarse a materializar en dúas exposicións os proxectos de investigación gañadores en colaboración co Museo do Pobo Galego, que acolle desde hoxe as dúas mostras resultantes do traballo desenvolto ao longo do pasado curso académico.
A Fundación Antonio Fraguas
A Fundación Antonio Fraguas naceu ao abeiro do legado e da figura de Antonio Fraguas Fraguas, un dos intelectuais que promoveu a creación do Museo do Pobo Galego, entidade que a Consellería de Cultura e Educación está a apoiar nos seus obxectivos de investigar, conservar, divulgar, defender e promover a cultura galega en todos os seus ámbitos.