A proba de 3º de primaria indica unha tendencia positiva do alumnado con respecto ás avaliacións de diagnóstico tanto na competencia lingüística como na matemática
Os centros educativos xa dispoñen dos resultados desta avaliación individualizada para facerllos chegar ás familias segundo o procedemento que eles mesmos establezan
O 92% do alumnado supera a proba en comunicación lingüística e o 82% en matemáticas
As puntuacións medias obtidas nesta proba son moi similares ás que obtiveron os rapaces e rapazas durante o curso
A maiores do informe para as familias, estas teñen acceso a información máis pormenorizada do seu fillo/a a través do propio centro
Trátase dun documento de carácter exclusivamente informativo e orientador, polo que os resultados que nel aparezan non influirán no expediente académico
Os resultados da avaliación individualizada de 3º curso de educación primaria xa están a disposición dos centros educativos, que son agora os encargados de facerllos chegar ás familias seguindo o procedemento que, dentro da súa autonomía, eles mesmos establezan como máis axeitado.
O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa, Manuel Corredoira, deu conta esta mañá, en rolda de prensa, dos datos xerais obtidos na proba de terceiro que –seguindo a aplicación da Lei para a Mellora do Sistema Educativo (LOMCE)- realizaron a finais de maio en Galicia preto do 80% do alumnado deste curso.
Unha vez efectuada a primeira análise dos datos globais, constátase que o 92% dos nenos e nenas obteñen bos resultados na competencia en comunicación lingüística, mentres que o 82% o fan na competencia matemática, e que non existen diferenzas significativas nin por sexos nin por provincias en ambos os dous casos.
Non obstante, segundo explicou Manuel Corredoira, o máis significativo é ver a evolución dos índices ao longo destes anos nos cinco tramos definidos (sendo o 1 o máis baixo e o 5 o excelente). Para iso estableceuse un contraste entre os resultados obtidos na proba de terceiro que se fixo por primeira vez no curso pasado, coas avaliacións de diagnóstico que se viñan facendo de xeito ordinario desde o curso 08-09 a alumnos de 4º de primaria e que desde o curso pasado se substituíron pola avaliación individualizada de 3º.
Deste análise. os datos indican unha tendencia positiva, xa que se produce o aumento de alumnado en niveis intermedios que antes estaba no nivel mais baixo.
Competencia lingüística
Na competencia en comunicación lingüística, superou a proba o 92% do alumnado, e non existen diferenzas significativas nos resultados promedio acadados polas nenas e polos nenos, a diferenza é de 3 puntos a favor delas.
Os resultados globais da avaliación de 3º tamén confirman que non existen diferenzas estatisticamente significativas entre puntuación media obtida nesta proba e a puntuación promedio dos alumnos e alumnas na avaliación ordinaria do curso. Estamos a falar dunha diferenza de apenas 0,07 puntos a favor da proba de 3º.
Se se comparan os resultados da proba de 3º coas avaliacións de diagnóstico, o 81% dos alumnos e alumnas avaliados sitúase nos niveis intermedios (é dicir, no 2, 3 e 4), unha porcentaxe que é 4 puntos superior á media das avaliacións de diagnóstico. É dicir, redúcese en 4 puntos a porcentaxe de alumnos que se sitúan no nivel máis baixo. No nivel máis alto (o 5) sitúase unha porcentaxe idéntica á media da porcentaxe das avaliacións de diagnóstico.
Competencia matemática
Na competencia matemática, o 82% do alumando que realizou a proba xeral completa obtén bos resultados. En relación coa avaliación ordinaria do curso, neste caso a nota media na proba de 3º foi lixeiramente inferior a media do curso. En todo caso, estamos a falar dunha diferenza de medio punto.
En canto á comparación coas avaliacións de diagnóstico, nos tres niveis intermedios atópase o 76% do alumnado, dous puntos por riba da porcentaxe media das avaliacións de diagnóstico de 4º. Tamén aquí se produce unha tendencia positiva xa que se reduce en catro puntos a porcentaxe de alumnado que obtén un nivel baixo. É dicir, aumenta o número de alumnos e alumnas que pasan do nivel baixo aos niveis intermedios. Tamén melloran 2 puntos as porcentaxes no nivel máis alto con relación a media nas de diagnóstico.
Tres informes
A administración educativa elabora dous tipos de informe de alumno: un deles ten como destinatarios as familias e outro que é para o propio centro.
No informe do alumno para as familias dáse conta do resultado obtido polo seu fillo ou filla nas dúas competencias que se avaliaban (comunicación lingüística e matemática) en tres niveis (insuficiente, medio e alto). Así mesmo, recolle un cadro para que o propio centro cubra observacións coa explicación que considere necesaria e pertinente respecto do alumno/a en cuestión.
A maiores, o centro recibe outro informe de alumno, máis completo, do que poderán ter máis información os pais e nais se así o solicitaran.
Doutra banda, os centros reciben tamén un informe de centro onde poderá coñecer a puntuación por competencias e por destrezas por grupos, e tendo en conta o índice socioeconómico do centro. Ademais, tamén coñecerán a súa situación con respecto ao conxunto de centros de Galicia. Non obstante trátase de datos totalmente privados, é dicir, que cada colexio coñece a súa posición respecto ao conxunto, pero non respecto a cada un do resto dos centros, polo que non é posible establecer ningún tipo de ránking.
Así as cousas, o director xeral de Educación, Manuel Corredoira, explicou que a información obtida nesta proba resulta moi valiosa á hora de definir estratexias e liñas de mellora do sistema educativo. Segundo dixo, os datos dos centros van ser un indicador máis a ter en conta á hora de subscribir contratos-programa cos centros educativos.