A Consellería de Cultura e Educación subliña que o fallo do TC volve a ratificar a legalidade do Decreto do plurilingüismo
A decisión do Constitucional de non admitir a trámite o recurso de constitucionalidade da RAG reforza o contido do texto normativo, que está a funcionar con total normalidade nos centros educativos
Anteriormente, as diferentes sentenzas do TSXG xa validaran o decreto fronte a todas as reclamacións presentadas
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria considera que o fallo do Tribunal Constitucional –que vén de desestimar o recurso interposto pola Real Academia Galega (RAG) contra o Decreto do plurilingüismo– reforza e ratifica a legalidade do devandito texto normativo, que está a funcionar con total normalidade nos centros educativos nos últimos catro cursos e que tivo e ten como finalidade, en todo momento, o equilibrio de aprendizaxe nas dúas linguas.
Xa con anterioridade, as diferentes sentenzas do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia –e a deste ano do Tribunal Supremo– validaran o decreto fronte a todos os recursos presentados recoñecendo que “a proclamación do principio de garantir o equilibro na adquisición de competencias nas dúas linguas” demostra a vontade de protección do galego que inspirou a súa elaboración.
Ademais, cómpre lembrar que os últimos estudos do Instituto Galego de Estatística (IGE) indican que hoxe en día se está rexistrando o maior grao de coñecemento da lingua galega da súa historia por parte da poboación máis nova. En todo caso, é preciso seguir traballando para fomentar o seu uso, polo que a Xunta de Galicia en colaboración coa RAG e con outras institucións implicadas na promoción do uso do idioma, está desenvolvendo o Plan de dinamización da lingua galega no tecido económico 2015-2020.
Unidade de acción lingüística
Con este espírito de colaboración, a Consellería quere remarcar a súa aposta pola unidade de acción lingüística en Galicia co obxectivo de sacar a lingua do debate político diario. Por iso, e ante a posibilidade de que a Real Academia Galega interpoña un recurso ante o Tribunal Europeo, o departamento educativo da Xunta de Galicia insta a abandonar o camiño litixioso arredor do idioma propio de Galicia.