A Consellería de Cultura e Educación promove a cultura emprendedora entre o alumnado a través do programa ‘Atrévete’
Por segundo ano consecutivo convócase esta iniciativa para centros de ensino de toda Galicia
O obxectivo deste programa é dar a coñecer ao alumnado o tecido industrial da súa contorna
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria convoca por segundo ano consecutivo para os centros educativos de toda Galicia o programa ‘Atrévete’, que ten como obxectivo promover a cultura do emprendemento entre o alumnado de 5º e 6º de primaria e o de 1º e 2º de Educación Secundaria Obrigatoria (ESO). A través desta iniciativa e coa imprescindible axuda do profesorado, dáse a coñecer aos rapaces o tecido industrial da súa contorna a través de visitas ás empresas das diferentes asociacións empresariais colaboradoras e de actividades do fomento do emprendemento, que se celebran nos Centros Integrados de Formación Profesional (CIFP) dependentes da Consellería
Ao abeiro desta iniciativa, os alumnos de 1º e 2º de ESO que participen no programa visitarán as sedes das empresas adheridas á Asociación de Empresarios do Polígono de Sabón-Arteixo (A Coruña), á Área Empresarial do Tambre (Santiago de Compostela), á Asociación de Empresarios de Ferrolterra (Ferrol), á Confederación de Empresarios de Lugo, á Asociación de Empresarios do Polígono industrial de Barreiros (Ourense) e ao Consorcio da Zona Franca de Vigo.
No caso dos últimos dous cursos de Primaria, as actividades de impulso do espírito emprendedor desenvolveranse nos CIFP Someso (A Coruña), Politécnico de Santiago, Ferrolterra (Ferrol), Politécnico de Lugo, A Farixa (Ourense) e Manuel Antonio (Vigo). Nestas xornadas os escolares terán a oportunidades de achegarse ás experiencias emprendedoras das súas respectivas comarcas da man de empresarios da zona, así como de percorrer os propios CIFP e coñecer as ensinanzas que neles se imparten e as iniciativas de emprendemento que nacen nos seus viveiros de empresa.
O programa complétase, un ano máis, con concurso ‘Atrévete a ter unha idea’, no que as alumnas e alumnos participantes deberán propoñer unha idea de negocio e redactala en, como máximo, dous folios. Premiaranse con dous e-books en cada caso, as dúas mellores ideas de 5º e 6º de Primaria e de 1º e 2º de ESO
Nas pasadas edicións de ‘Atrévete’ participaron máis de 2.946 estudantes de 73 centros de ensino das 4 provincias galegas. Os interesados en adherirse ao programa poden consultar os requisitos no portal web da Consellería, no enlace http://www.edu.xunta.gal/fp/convocatoria-programa-atrevete-2015-2016