Educación dota por primeira vez ás Escolas Oficiais de Idiomas dun regulamento específico e definitivo
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á norma base para o funcionamento destes centros, que nunca tiveron un regulamento propio
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria dotará por primeira vez as escolas oficias de idiomas e as súas seccións dun regulamento orgánico que prevé as súas especificidades. Para iso, o Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace ao de decreto polo que se establece o Regulamento orgánico das escolas oficiais de idiomas da Comunidade Autónoma de Galicia, no cal se establece para estes centros un marco de organización, funcionamento e goberno diferenciado dos centros docentes públicos que imparten ensinanzas de réxime xeral.
Coa aprobación deste acordo, a Consellería de Educación dálle un novo pulo á estratexia de fomento da aprendizaxe de idiomas que se está a desenvolver no marco do Plan galego de potenciación das linguas estranxeiras. As escolas oficiais de idiomas levan décadas funcionando sen un regulamento propio que recolla as súas particularidades como centros de ensinanzas de réxime especial orientados a capacitar ao alumnado no uso dos distintos idiomas, fóra das etapas ordinarias do sistema educativo, a partir do Marco común europeo de referencia para as linguas (MCERL).
A elaboración dunha regulación específica para as escolas oficiais de idiomas permitirá poñer en marcha dinámicas de funcionamento propias, en que concreten tanto os aspectos relacionados co seu goberno e administración coma aqueles de tipo organizativo que lle permitan á cidadanía realizar as actividades académicas, de formación ao longo da vida, culturais e de promoción dos idiomas propios destas escolas.
Calidade e excelencia
Un dos puntos fundamentais deste regulamento é o dedicado á calidade e excelencia das EE.OO.II. Así, establécese a participación destes centros en procesos de avaliación interna e externa, co obxectivo de estimular a mellora e de mostrar os niveis de excelencia alcanzados nos ámbitos da súa actuación. A avaliación estenderase a todos os ámbitos, especialmente os relativos aos procesos de aprendizaxe e resultados do alumnado, á actividade do profesorado, á función directiva e ao funcionamento e organización das escolas.
Neste regulamento, ademais, recóllense cuestións básicas como os procedementos para a creación de escolas oficias de idiomas e as súas seccións e para o nomeamento e funcionamento dos órganos de goberno, de coordinación docente, e dos representantes do alumnado.
Así mesmo, séntanse as bases para a coordinación do ensino a distancia e o uso das tecnoloxías da información e da comunicación (TIC). Doutra banda, queda fixado o procedemento para a coordinación da realización de probas de certificación nas EE.OO.II, e de actividades de culturais, entre outras. Ademais, o regulamento fixa as condicións para o desenvolvemento da autonomía pedagóxica e de xestión das escolas respecto do proxecto educativo, das programacións didácticas e da promoción da lingua galega. Este regulamento orgánico entrará en vigor para o curso académico 2011-2012.
Pulo ás linguas
A publicación deste regulamento vén complementar as actuacións da Consellería de Educación para a potenciación da importante función que desenvolven as EEOOII como centros específicos na aprendizaxe dos idiomas. Neste eido, a eficacia das accións iniciadas ao longo do pasado curso 2009-2010 deu a posibilidade de aumentar a matrícula nestas escolas un 12,48% máis ca no pasado curso.
Así mesmo, a para adaptar estes centros ás demandas reais da sociedade, púxose á disposición dos cidadáns unha oferta educativa modernizada, máis alá das ensinanzas regradas, que exixen cursar anos académicos completos para acadar algunha certificación. Deste xeito, a Consellería de Educación está a reorientar a oferta formativa destas escolas, coa incorporación dos novos cursos específicos que dean resposta ás necesidades dos colectivos profesionais de adquirir as competencias lingüísticas pertinentes para desenvolver o seu traballo nun mundo cada vez máis globalizado. Cursos dirixidos fundamentalmente ao profesorado dos nosos centros, así como formación dirixida a colectivos profesionais específicos de turismo ou comercio, entre outros.
Remate da provisionalidade
O decreto aprobado hoxe regula, con carácter definitivo, a organización –ata agora provisoria- das EE.OO.II., que se viñan rexendo por circulares da Consellería, a máis actual é a 5/2009, que foi impugnada e sobre a que recentemente se ditou resolución xudicial que declaraba anulables dous dos seus puntos.
A sentenza do Xulgado número dous do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela fundamentábase en defectos formais da mencionada circular, por non someter dous dos seus puntos á Mesa Sectorial. A consellería considera que actuou conforme ao dereito ao entender que a circular se baseaba nunha regulación precedente de rango superior e mesmo na existencia doutra circular anterior que non foi impugnada.