Cultura e Educación convoca as axudas dirixidas a titulados universitarios desempregados para cursar másteres oficiais no SUG
A Consellería habilita unha partida de 200.000 euros para estas bolsas
Os interesados dispoñen dun mes de prazo para formalizar a solicitude
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150916/AnuncioG0164-080915-0005_gl.html)a convocatoria de axudas destinadas a titulados universitarios en situación de desemprego para cursar másteres oficiais no curso 2015-2016, dotada con 200.000 euros.
A contía da bolsa, que vai desde os 1.215 € aos 1.788 € por beneficiario, cubrirá o importe correspondente a 60 créditos de primeira matrícula do máster universitario segundo os prezos públicos fixados pola Xunta para este curso académico.
Tal como establece a convocatoria, os interesados en solicitar estas bolsas deben estar en posesión dun título universitario expedido con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2013; estar matriculado nun máster oficial ofertado polas universidade so Sistema Universitario de Galicia, cun mínimo de 60 créditos; residir en Galicia polo menos nos últimos tres anos; e estar inscrito como demandante de emprego durante un período igual ou superior a 180 días; entre outros.
O prazo de presentación de solicitudes é dun mes a partir de mañá e as solicitudes deberán formalizarse preferiblemente por vía electrónica na sede https://sede.xunta.es; ou ben en soporte papel nos rexistros legalmente establecidos.
Esta liña de axudas responde, un ano máis, ao compromiso da Consellería de Cultura e Educación de continuar apoiando aos titulados universitarios en situación de desemprego co fin de mellorar as súas posibilidades de incorporación ao mercado de traballo.