Galicia coordinará a través do CAFI un proxecto internacional para a mellora das competencias profesionais docentes
A iniciativa enmárcase no programa Erasmus+
O Centro Autonómico de Formación e Innovación (CAFI) da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria acaba de ser escollido polo Ministerio do ramo e polo Servizo Español para a Internacionalización da Educación para coordinar un proxecto internacional denominado ‘Marco Común de Competencias Profesionais Docentes’. Cun financiamento europeo de 208.890 euros, a iniciativa enmárcase no programa Erasmus+ e conta cun amplo grupo de socios internacionais e estatais, compostos por universidades, centros de formación públicos e privados, entes lexisladores... de Escocia, Austria, Lituania, Portugal, e Castela e León; o que garante unha difusión e implantación a nivel europeo fiable e sostible.
O proxecto parte dun modelo de Competencias Profesionais Docentes elaborado polo CAFI xunto coa Consejería de Educación de Castela e León, unha iniciativa pioneira dentro do Estado español, que foi presentado xunto co Plan Anual de Formación 2015/2016. A partires desta base, durante 3 anos avanzarase na preparación dun Marco Común de Competencias Profesionais Docentes sobre o que construír os procesos formativos e de desenvolvemento profesional de educadoras e educadores nos diferentes sistemas educativos dos países socios.
Base da calidade do sistema
A iniciativa nace da constatación de que a calidade dun sistema educativo depende da calidade do seu profesorado e, polo tanto, da súa formación continuada. Para iso, é preciso definir os perfís profesionais e itinerarios que conduzan á mellora constante nas competencias esixibles e permitan unha formación global dos docentes. Neste sentido, ao abeiro do proxecto atenderanse as prioridades xerais apuntadas nos últimos dez anos polo Consello de Europa en materia educativa e competencial docente, así como necesidades formativas internas da Rede de Formación da Consellería da Xunta de Galicia e de todos os ámbitos asociados, e deseñaranse cursos de formación precisos para dar cobertura ás carencias detectadas no proceso.
Ademais, ao longo dos tres anos realizaranse diferentes visitas, conferencias e actividades formativas tanto de carácter interno para o grupo de traballo internacional, coma de difusión e promoción dos produtos elaborados no mesmo, entre os colectivos docentes dos diferentes países.
A Consellería celebra a concesión da coordinación deste proxecto ao CAFI, que terá unha importante repercusión na mellora da competencia e praxe docente do profesorado, situándose así no centro das iniciativas europeas en canto a acción educativa se refire. Neste sentido, queda patente o compromiso da Xunta de Galicia coa calidade da formación do profesorado como piar fundamental do éxito do noso sistema educativo.