O conselleiro de Cultura e Educación gaba a aposta do CIFP Politécnico de Lugo pola FP Dual como vía para fomentar a inserción laboral dos mozos

Román Rodríguez comparte o inicio de curso en FP co alumnado do centro, onde tamén se imparte a modalidade creada ao abeiro da Lomce, a FP Básica

Mar, 15/09/2015 - 13:55
 O conselleiro de Cultura e Educación gaba a aposta do CIFP Politécnico de Lugo pola FP Dual como vía para fomentar a inserción laboral dos mozos
O conselleiro de Cultura e Educación gaba a aposta do CIFP Politécnico de Lugo pola FP Dual como vía para fomentar a inserción laboral dos mozos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o CIFP Politécnico de Lugo con motivo do inicio do curso escolar en Formación Profesional, unha etapa na que –segundo as previsións realizadas pola Consellería– o número de matriculados ascenderá a preto de 53.400, o que supón un incremento de máis dun 3,4% con respecto ao dato final do curso pasado.

Trala súa visita polo centro, na que estivo acompañado pola delegada da Xunta na provincia, Raquel Arias; o titular do departamento educativo fixo fincapé nas diferentes modalidades de FP que ofrece o Politécnico de Lugo e, sobre todo, detívose na FP Dual e na FP Básica, esta última creada ao abeiro da Lomce. Deste xeito, Román Rodríguez gabou a aposta deste centro pola FP Dual, un proxecto que este curso poñerán en marcha por primeira vez co obxectivo de fomentar e mellorar a inserción laboral dos máis novos, e que conta con 12 alumnos matriculados.

Grazas a un convenio asinado este ano con dez empresas do ámbito da construción, unha ducia de alumnos e alumnas beneficiaranse dunha formación compartida entre a aula e a empresa, o que permitirá achegarlles a realidade laboral e, ao mesmo tempo, preparalos para a súa futura saída ao mercado.    

Recoñecemento ás empresas implicadas

A través deste tipo de proxectos, que se comezaron a desenvolver no curso 2012/2013, os mozos e mozas combinan a formación curricular co traballo remunerado nunha empresa, onde tamén recibirán formación complementaria establecida no currículo formativo correspondente en aras de reforzar a súa preparación de cara ao mundo profesional.  

Neste senso, o responsable do departamento educativo da Xunta agradeceu a colaboración e implicación das empresas da zona á hora de “axudar a formar no seu seo e mellorar a empregabilidade dos alumnos de alumnas de hoxe, que serán os profesionais de mañá”, salientou. Actualmente hai 29 proxectos de Formación Profesional Dual en marcha, que ofrecen un total de 471 prazas.

Viveiro de empresas

Ademais, o conselleiro tamén destacou o compromiso do seu departamento coa FP Básica, pola que cada ano optan máis centros como fórmula para loitar contra o abandono escolar temperán, alongar a permanencia do alumnado no sistema educativo e fomentar tamén o seu acceso ao mercado laboral. Tal é o caso deste CIFP, que oferta Formación Profesional Básica de Electricidade e electrónica.

A maiores, e co fin de fomentar o emprendemento dos mozos e mozas, este centro tamén conta cun viveiro de empresas, un espazo no que se presta asesoramento a diferentes proxectos empresariais ideados polo alumnado. De feito, neste momento estase orientando a 2 proxectos de empresas de empresas xa constituídas (unha de eficiencia enerxética e outra de deseño gráfico) e a outros 3 autónomos que traballan conxuntamente en apoio domiciliario e a persoas maiores. Coa finalidade de impulsar estas iniciativas, a Consellería levou a cabo este mesmo ano unha reforma nestes espazos, uns traballos nos que se investiron preto de 30.000 euros.

Durante a súa visita ao centro, Román Rodríguez estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén; polo director xeral de Educación, Manuel Corredoira; e polo director xeral de Centros, José Manuel Pinal.