A Consellería de Educación e Down Galicia colaborarán na atención educativa ao alumnado con discapacidade intelectual
O conselleiro de Educación e o presidente da Federación Galega de Institucións para o Síndrome de Down asinaron hoxe un acordo de colaboración
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén de por en marcha a colaboración coa Federación Galega de Institucións para o Síndrome de Down (Down Galicia), co fin de prestar apoio especializado ao alumnado afectado por este síndrome ou outras discapacidades intelectuais, escolarizados en centros educativos públicos da Comunidade.
O conselleiro de Educación, Xesús Vázquez Abad, e o presidente de Down Galicia, Delmiro Prieto González, asinaron hoxe un acordo polo que se facilitará a presenza dos especialistas da federación nos centros de ensino que conten con alumnas e alumnos afectados polas devanditas necesidades educativas específicas.
Ao abeiro deste convenio, entre estes profesionais, o profesorado, os orientadores e persoal de servizos complementarios dos centros, estableceranse diversas liñas de colaboración. Deste xeito, as partes comprométense ao intercambio de información sobre o perfil e necesidades educativas do alumnado, para a colaboración no seu proceso de avaliación psicopedagóxica. Así mesmo, o persoal de Down Galicia asesorará ao equipo docente e departamento de orientación da cada colexio e instituto sobre o axuste da intervención educativa necesaria para cada estudante, ademais dos recursos tecnolóxicos e estratexias didácticas e organizativas favorecedoras da inclusión.
O obxectivo é coordinar as accións de todos quen atenden a estes escolares, co fin de facilitarlles a cada un deles unha atención educativa inclusiva e adaptada á súa particular forma de ser e de aprender.
Formación docente
Asemade, e de acordo co hoxe asinado, a Consellería organizará actividades formativas para o profesorado sobre a atención ao alumnado con Síndrome de Down ou discapacidade intelectual, cursos nos que o persoal da Federación poderá participar en calidade de relator.
Co mesmo espírito de colaboración, os profesionais da Consellería poderán participar nas accións de formación organizadas por Down Galicia, na busca do deseño de programas, actuación inclusivas e de boas prácticas para a atención deste alumnado.
Interacción coas familias
Co fin de conseguir unha atención coordinada para os escolares, o profesorado titor manterá unha liña de comunicación permanente con cada familia, que recibirá ademais formación específica por parte de docentes e persoal de Down Galicia.
Ademais, todas as partes deberán colaborar nos procesos de avaliación psicopedagóxica deste alumnado e no deseño das medidas educativas que procedan.
Impulso á innovación pedagóxica
Doutra banda, A Consellería seguirá a estimular os proxectos de innovación pedagóxica que aborden o tratamento e a intervención educativa para estes escolares, no marco do impulso e mellora da calidade do ensino que está a desenvolver a Administración educativa galega.
Así mesmo, e co fin de informar e formar a todas as persoas que interveñen na educación destas persoas, promoverase a elaboración, publicación e difusión de materiais destinados á atención á diversidade, especialmente daqueles materiais que facilitan o acceso ás tecnoloxías da información e da comunicación.
Coa sinatura deste acordo, a Consellería de Educación presta o seu decidido apoio á atención ás necesidades educativas específicas da diversidade do alumnado galego, con profesionais cualificados para o desenvolvemento das capacidades de todos os escolares.
Declaracións de Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria