O Ministerio de Educación premia ao centro público de adultos da prisión da Lama polo seu programa de intervención con internos de primeiro grao e drogodependentes

O centro, dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, recibiu o segundo premio Miguel Hernández dotado con 24.250 euros

Ven, 05/11/2010 - 12:38

O Ministerio de Educación outorgou o segundo dos premios Miguel Hernández na edición de 2010 ao Centro Público de Educación e Promoción de Adultos do Centro Penal da Lama, dependente da Consellería de Educación da Xunta de Galicia, polo seu programa de intervención con internos de primeiro grao e drogodependentes. O galardón está dotado con 24.250 euros.

Estes premios recoñecen a importancia que debe darse á eliminación das desigualdades ante a educación e á supresión de discriminación dos grupos desfavorecidos ante a formación básica, así como o labor realizado por aquelas institucións públicas ou entidades privadas sen ánimo de lucro que se distingan pola súa achega eficaz á supresión do analfabetismo, tanto o tradicional como o que poida xerar o progreso científico e tecnolóxico.

O xurado recoñeceu con este galardón o esforzo que desenvolven os profesionais do Centro Público de Educación e Promoción de Adultos da Lama con internos que, polas súas peculiaridades, teñen máis dificultades para acceder á educación.

Tanto os internos de primeiro grao (ou réxime pechado) como os drogodependentes non poden acceder ás aulas xerais do centro por razóns de seguridade ou porque están a seguir un programa individualizado de tratamento e teñen limitado o acceso ao centro educativo.

Para superar estas dificultades e garantir o dereito á educación que teñen todos os internos, os 13 profesores do Centro educativo, de acordo co Equipo de Tratamento do Centro Penal, crearon aulas tanto no módulo de illamento como na comunidade terapéutica cuxos obxectivos son:

  • Facilitar aos internos que se atopan en réxime pechado ou na comunidade terapéutica o acceso aos distintos niveis educativos e profesionais, así como a súa inserción no mundo laboral,
    social e cultura.
  • Fomentar actitudes de respecto, convivencia, tolerancia e colaboración entre internos
  • Adoptar hábitos de coidado, saúde e benestar e valorar as repercusións de determinadas condutas sobre a calidade da vida
  • Potenciar o sentimento de autoestima e de confianza en si mesmos, de forma que poidan construír expectativas positivas sobre as súas posibilidades de aprendizaxe e progreso nos planos persoal, laboral e profesional
  • Valorar a importancia das institucións e entender que hai un sistema de dereitos e deberes que regulan a sociedade, fomentando actitudes de participación democrática
  • Coñecer estratexias e procedementos que lles permitan resolver situacións problemáticas da súa vida cotiá
  • Construír unha cultura de paz baseada na xustiza e na tolerancia

Durante o curso 2009-2010, 45 internos de primeiro grao e 105 do Módulo Terapéutico participaron neste programa educativo. En total, máis de 500 internos matricúlanse cada ano no Centro de Educación e Promoción de Adultos do Centro penal da Lama.