Román Rodríguez recorda o esforzo financeiro da Xunta para apoiar o SUG e apela á cooperación interuniversitaria co fin de encarar novos desafíos

O conselleiro inaugurou na Coruña o curso universitario cun discurso no que situou o novo Plan de financiamento como unha oportunidade para modernizar o sistema, apostando pola eficiencia na xestión e a especialización dos campus

A nova folla de ruta, que conta cun 17,3% de orzamento máis que a anterior, será levada ao Consello da Xunta en outubro

Ven, 04/09/2015 - 14:13
 Román Rodríguez recorda o esforzo financeiro da Xunta para apoiar o SUG e apela á cooperación interuniversitaria co fin de encarar novos desafíos
Román Rodríguez recorda o esforzo financeiro da Xunta para apoiar o SUG e apela á cooperación interuniversitaria co fin de encarar novos desafíos

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, inaugurou hoxe na Coruña o curso universitario 2015-2016 recordando o esforzo financeiro que ten realizado a Xunta de Galicia nestes últimos anos para blindar a estabilidade e apoiar o Sistema Universitario Galego (SUG), un esforzo que volverá a quedar patente no novo Plan de financiamento universitario 2016-2020.

En palabras do titular do departamento educativo do Executivo galego, “estamos ante o maior esforzo orzamentario da historia en apoio á universidade galega”, posto que a nova folla de ruta contará cunha dotación inicial de 2.470 millóns de euros para o vindeiro quinquenio, un 17,3% máis con respecto ao anterior. Trátase dun Plan que, segundo recordou o conselleiro, encara xa a “recta final”, pois en outubro “estaremos en disposición de levar ao Consello da Xunta o documento derradeiro para a súa aprobación definitiva”, destacou.

Co obxectivo último de modernizar o SUG, o vindeiro Plan establece un novo reparto baseado na transparencia, onde se primará a eficiencia na xestión, a consecución de resultados, a aposta por reformas estruturais progresivas, a especialización dos campus, a internacionalización, os avances en investigación e a cooperación interuniversitaria. De feito, Román Rodríguez apelou á unión de forzas entre as universidades co fin de encarar os novos retos e desafíos que presenta este eido.

Neste sentido, e tras agradecer a “cooperación leal e a altura de miras dos tres reitores” para artellar este novo Plan de financiamento, explicou que a fortaleza do SUG reside nas singularidades de cada unha das tres universidades que o integra, “mais o paso que estamos a dar agora é que tamén sexa máis forte pola unión e cooperación intelixente e leal entre as tres”, concretou.

Novo impulso á investigación

Despois de valorar o feito de ter a universidade máis accesible do Estado, Román Rodríguez detívose no ámbito da investigación universitaria, “outra das pedras angulares da aposta deste Goberno para co Sistema Universitario de Galicia”, engadiu. Neste contexto, o Plan Galego de Investigación, Innovación e Crecemento permitiu avanzar na formación e incorporación de investigadores grazas a contratos predoutorais e postdoutorais, na contratación estable e no apoio a grupos de referencia.

En todo caso, o responsable do departamento educativo da Xunta avanzou un “novo impulso á investigación”, centrado “no apoio ás universidades e aos seus investigadores como xeradores de novo coñecemento, pero tamén para acadar a transferencia dos seus resultados ao sistema produtivo”. Isto é, camiñar cara unha investigación universitaria entrelazada e en contacto directo coa sociedade civil e os diferentes sectores produtivos, que se pode lograr a través, por exemplo, da especialización dos campus. 

Ante os retos de potenciar a investigación universitaria, fomentar a internacionalización, aproveitar as sinerxías, apostar pola eficiencia económica ou adaptar a oferta académica, o conselleiro receitou “esforzo, ilusión, traballo e vontade de consenso”. “Porque, para alcanzar un obxectivo temos que crer nel. E ser conscientes de que, por difícil que sexa, o resultado estará á altura do esforzo previo”, salientou.