A Consellería de Educación presente na inauguración das primeiras Xornadas de Excelencia Xurídica
Ao acto asistiu o secretario xeral de universidades, José Alberto Díez de Castro
A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, representada polo secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro inaugurou hoxe as I Xornadas de Excelencia Xurídica, que se celebrarán ata maña na Facultade de Dereito do campus de Ourense.
Xunto a Díez de Castro, que asistiu en representación do conselleiro de Educación; estiveron o reitor da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; o presidente do Consello Social, Emilio Atrio Abad; o alcalde do concello de Ourense, Francisco Rodríguez; o presidente da Deputación de Ourense, José Luis Baltar Pumar; o decano da facultade de Dereito na cidade, Miguel Ángel Michinel Álvarez, e o que fora o primeiro decano do centro, Luis Rodríguez Ennes.
A temática do encontro
O acto oficial de inauguración deu paso a relatorios impartidos por catedráticos de diversas universidades españolas. O primeiro foi “Para un cambio de obxectivo da política laboral”, de Gonzalo Diéguez, de Dereito do Traballo de Santiago. Posteriormente Tomás de Montagut Estragués, de Historia do Dereito da Pompeu Fabra, presentou “Notas sobre a historia do dereito xeral de Cataluña no 50 aniversario da Compilación do dereito civil de Cataluña”. O día rematará coa posta en escena de Rafael Navarro Vallas, de Dereito Eclesiástico da Complutense de Madrid, que falou sobre “Un big bang xurídico: as obxeccións de conciencia”.
A xornada de maña comezará coa intervención de Alejandrino Fernández Barreiro, de Dereito Romano da Universidade da Coruña, que falará de “Tradición romanística e identidade europea”. A continuación dirixirase ao público asistente Enrique Ort Berenguer, de Dereito Penal de Valencia, con “A actualidade política criminal española”. O encontro rematará coa intervención de Carlos Palao Taboada, de Dereito Financeiro e Tributario da Autónoma de Madrid, cuxo relatorio será “A Lei 3/2009 sobre modificacións estruturais das sociedades mercantís e o réxime fiscal das reorganizacións empresariais”.
Especialistas nacionais
Este encontro dará aos asistentes a posibilidade de tomar contacto directo cos principais especialistas nacionais no ámbito do dereito, nun espazo no que se debaterán os problemas xurídicos de máis calado e actualidade.
As xornadas están organizadas pola Universidade de Vigo a través da Facultade de Dereito da cidade de As Burgas que conmemora deste xeito o seu XX Aniversario. Compre recordar que a Facultade celebra o día do seu patrón nomeando a un Membro Honorífico do seu Claustro de profesores, escollidos entre xuristas de recoñecido prestixio, e con motivo da onomástica reúnese a todos os galardoados.