A Consellería de Educación forma a 100 docentes nun curso sobre a Función Directiva

O director xeral de Educación, FP e Innovación Educativa inaugurou hoxe este encontro

Xov, 04/11/2010 - 19:50
o director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jos
O director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, durante o acto de inauguración

Arredor de 100 docentes de centros de ensino das catro provincias galegas reúnense no curso de formación sobre a Función Directiva, organizado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.  Inaugurado hoxe polo director xeral de Educación, Formación Profesional e Innovación Educativa, Jose Luis Mira, o curso terá unha duración de 100 horas.

Durante o acto de inauguración, o director xeral de Educación destacou o “rol imprescindible” que os directores desenvolven no día a día dos centros educativos de Galicia. “Unha das máis importantes variables que condicionan a calidade dun centro educativo é a súa dirección. Unha boa dirección, un proxecto claro e compartido, son garantía de éxito en moita maior medida que outras variables”, dixo.

Deste xeito, Mira Lema salientou o compromiso da Consellería de Educación coa dirección dun centro educativo, “unha tarefa complexa e comprometida”, compromiso do que dá boa conta a actividade formativa hoxe iniciada.

Intercambio e colaboración

Este curso de formación conta cunha forte implicación da propia Consellería de Educación, coa participación do persoal dos servizos centrais e da Inspección educativa nos relatorios dos aspectos máis relevantes para o desenvolvemento da función directiva que se van abordar neste curso.

As diferentes conferencias que se van impartir nas vindeiras semanas xirarán arredor de temas como as dinámicas de grupo e traballo en equipo, a avaliación e a mellora nos centros educativos, ou a formación para a convivencia, entre outros de interese para o colectivo participante. Para isto, o curso conta ademais con relatores altamente cualificados e de contrastada experiencia para abordar as diversas facetas da formación.

Co fin de enriquecer a formación, a Consellería seleccionou varios centros educativos, que compartirán a súa particular experiencia cos asistentes, e cuxa traxectoria é de interese polos profundos cambios e o éxito que amosan nos proxectos de mellora que un día puxeron en marcha.

Asemade, este encontro supón unha oportunidade para ofrecer ás persoas que asumen a dirección de centros en toda Galicia unha formación estandarizada, unificada e común, que non depende da etapa que atenden, nin do número de alumnos e alumnas que escolarizan, nin da zona xeográfica onde estean ubicados. Con este sistema posibilítase ademais a comunicación e a convivencia entre as persoas que chamadas a dirixir centros educativos da Comunidade, o que abre portas ao diálogo para o intercambio de experiencias, dúbidas, expectativas ou proxectos compartidos.

Menús News node R