Publicada a resolución da concesión de axudas para os proxectos de fomento do galego nos centros públicos
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a proposta de adxudicación das subvencións, que ascenden a un total de 800.000 euros
A Secretaría Xeral de Política Lingüística vén de anunciar a proposta de resolución da concesión das axudas para os proxectos de fomento do galego nos centros de ensino de titularidade pública de Galicia que imparten ensinanzas regradas de niveis non universitarios. A proposta de adxudicación, segundo a cal se benefician destas axudas un total de 935 centros, pode consultarse na páxina web de Política Lingüística, a través do enderezo www.xunta.es/linguagalega.
A contía destinada á convocatoria das axudas para os proxectos de fomento galego no curso 2010-2011, publicada no Diario Oficial de Galicia o 1 de setembro de 2010, ascende a un total de 800.000 euros e a distribución por anualidades do crédito será de 200.000 euros para o 2010 e de 600.000 euros para o 2011.
Logo da proposta de cualificación efectuada polas comisións provincias de cada gabinete provincial de normalización lingüística e dos acordos adoptados polos representantes da comisión central, fixouse en 20 puntos a valoración mínima da calidade para outorgar o financiamento máximo e o valor de 58,25 euros por punto para calcular o financiamento xeral dos proxectos.
Os centros interesados disporán ata o próximo 13 de novembro de 2010 (incluído) para formular as alegacións que consideren oportunas sobre esta proposta ante as xefaturas dos gabinetes de normalización lingüística provinciais.
Favorecer a planificación do labor desenvolvido polos equipos de dinamización
O labor realizado pola Secretaría Xeral de Política Lingüística para anunciar a proposta de resolución da concesión de axudas a comezos do mes de novembro ten como obxectivo que os equipos de dinamización da lingua galega dos centros educativos poidan, desde o inicio do curso escolar, levar a cabo unha axeitada planificación do seu traballo e conten cos recursos económicos precisos para desenvolvelo.
Xunto con esta convocatoria de axudas, a Secretaría Xeral de Política Lingüística está a impulsar diversas iniciativas para fomentar o uso do galego nos centros educativos. Entre elas atópanse a convocatoria para a realización de proxectos de innovación en dinamización lingüística, que este ano vén de premiar o CEIP de Aguiño, o CEIP de Quintela, o CRA Mestra Clara Torres, o IES Perdouro e o IES Rodeira–; os Seminarios de Dinamización Lingüística, que pretenden contribuír á formación dos membro e coordinadores dos equipos de dinamización; e a orde de subvencións para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios.