A Consellería de Cultura e Educación abre o prazo para a matriculación en 77 novas prazas de Formación Profesional Dual
Os interesados dispoñen desde hoxe ata o vindeiro día 14 de setembro para realizar as solicitudes correspondentes
A Consellería de Cultura e Educación abre, a partir de hoxe martes, o prazo para a matrícula en 77 novas prazas de Formación Profesional Dual en toda Galicia. Os interesados dispoñen de ata o día 14 de setembro para formalizar a correspondente solicitude de matrícula. Os requisitos así como o procedemento poden consultarse no enderezo electrónico http://www.edu.xunta.gal/fp/fpdual-convocatoria-setembro-2015 .
As ditas prazas que agora se incorporan están distribuídas a razón de 15 no ciclo formativo de Dirección de Servizos de Restauración no CIFP Paseo das Pontes (na Coruña), outras 15 no ciclo de Atención a Persoas en Situación de Dependencia que se impartirá no CIFP A Xunqueira (Pontevedra), 12 no ciclo de Construcións Metálicas no IES de Valga; 15 no ciclo de Química Industrial no CIFP Manuel Antonio (en Vigo); e outras 20 prazas para o ciclo de Mantemento Electromecánico no IES Politécnico de Vigo.
Esta nova oferta de prazas é froito de convenios de colaboración con empresas dos distintos sectores de xeito que estas facilitan os espazos, instalacións e/ou persoas expertas para impartir os módulos prácticos. É dicir, que a formación do alumnado é impartida de forma compartida entre centros educativos e empresas, o que mellora a empregabilidade dos alumnos e alumnas no futuro mercado laboral.
Formación e traballo
O carácter diferencial da FP Dual –que se puxo en marcha por primeira vez no curso 2012/2013- consiste na combinación da formación curricular co traballo remunerado nunha empresa (ata un 75 por cento dos dous ou tres cursos que duran os ciclos), na que ademais as alumnas e alumnos recibirán formación complementaria á establecida no currículo formativo correspondente, co fin de reforzar a súa preparación de cara ao futuro profesional. No tempo de traballo efectivo na empresa o estudante terá unha de traballo para a formación e a aprendizaxe ao abeiro do convenio asinado con Feuga.
A día de hoxe en Galicia puxéronse en marcha un total de 29 proxectos de Formación Profesional Dual e 471 prazas (incluídas as ofertadas agora).