O conselleiro de Cultura e Educación visita as obras de ampliación do CEIP Unión Mugardesa

Román Rodríguez comprobou in situ os traballos que se están a realizar no centro, que redundarán nunha mellora de prestacións para toda a comunidade educativa

Mér, 26/08/2015 - 12:57
O conselleiro de Cultura e Educación visita as obras de ampliación do CEIP Unión Mugardesa
O conselleiro de Cultura e Educación visita as obras de ampliación do CEIP Unión Mugardesa

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, comprobou hoxe in situ os traballos de mellora que se están a realizar no CEIP Unión Mugardesa, que perseguen mellorar as prestacións e os espazos para beneficio de toda a comunidade educativa.

As obras, cuxo investimento roza os 500.000 euros, consisten na demolición do volume da planta baixa –no que ata agora estaba a biblioteca– para construír un novo de dous andares. Este último albergará 3 aulas de infantil, unha biblioteca e varios despachos destinados a secretaría, arquivo e ANPAs. En total, o edificio terá unha superficie construída de case 400 metros cadrados.    

O conselleiro lembrou que con esta reforma se evitarán os desprazamentos do alumnado de infantil, que ata agora estaba noutro edificio, o que redundará nunha maior comodidade para toda a comunidade educativa. A maiores, este cambio de localización permitirá integrar aos máis pequenos no centro educativo.

Plan de renovación e mellora

Estes traballos enmárcase dentro do plan de renovación e mellora das infraestruturas e equipamentos dos centros galegos, dotado con 18,4 millóns de euros. A maiores das labores construtivas, dito plan tamén persegue a dixitalización progresiva de todas as aulas de ensino público de Galicia a partir de 5º de Primaria, que gozarán de equipamento informático renovado —encerados dixitais, proxector, etc— e acceso á internet.

Neste contexto, o conselleiro —que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala— salientou o esforzo desenvolvido polo seu departamento e polas propias comunidades educativas ao longo deste verán e nos vindeiros meses para acometer melloras en diferentes centros.