Román Rodríguez salienta o esforzo inversor da Xunta no CEIP de Nós en Oleiros, dotado con preto de 4 millóns de euros

O conselleiro visitou hoxe o novo centro, xa rematado e con capacidade para 450 alumnos e alumnas

Mér, 26/08/2015 - 12:10
 Román Rodríguez salienta o esforzo inversor da Xunta no CEIP de Nós en Oleiros, dotado con preto de 4 millóns de euros
Román Rodríguez salienta o esforzo inversor da Xunta no CEIP de Nós en Oleiros, dotado con preto de 4 millóns de euros

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, visitou hoxe o novo CEIP de San Pedro de Nós, en Oleiros, cuxas obras xa remataron e, por tanto, atópase en plenas condicións para abrir as súas portas este vindeiro curso 2015/2016.

Durante a súa visita, o titular do departamento educativo da Xunta salientou o “importante esforzo inversor” realizado polo Executivo galego neste centro, onde se investiron preto de 4 millóns de euros. A obra, que dá resposta ás peticións da propia comunidade escolar, nace co obxectivo de atender as necesidades educativas dunha zona onde se está experimentando un significativo aumento de poboación e, por tanto, unha maior demanda de prazas de escolarización.

Partindo desa necesidade, a Consellería de Cultura e Educación creou un colexio con capacidade para 450 alumnos e alumnas ao contar con 6 aulas de educación infantil e 12 de primaria. Ademais, estará dotado con 2 aulas de informática, 4 de pequeno grupo e outra polivalente, así como de biblioteca, ximnasio, vestiarios, aseos, unha sala de profesores, sala de ANPA e comedor.

O conselleiro -que estivo acompañado polo secretario xeral técnico da Consellería, Jesús Oitavén Barcala- puxo en valor o esforzo desenvolvido polo seu departamento e pola comunidade educativa ao longo destes meses para que este centro sexa hoxe unha realidade e poida comezar a funcionar con total normalidade este próximo setembro. 

Dixitalización en 5º e 6º de primaria

A maiores, este novo centro de Oleiros beneficiarase do proxecto de dixitalización que se está levando a cabo no cen por cen das aulas en 5º e 6º de primaria, así como en todas as etapas de ESO. Unha iniciativa dotada cun investimento que supera os 11 millóns de euros e pensada para acabar coa fenda dixital entre o urbano e o rural.