Posta en funcionamento do portal espazoAbalar
A partir de hoxe ponse en marcha espazoAbalar (http://www.edu.xunta.gal/espazoAbalar), un moderno portal na web que vai supoñer un importante paso no acercamento das familias ao proceso de formación dos seus fillos. Esta nova plataforma únese ás diferentes liñas de traballo do Proxecto Abalar (infraestrutura, formación, recursos, etc) ofrecendo servizos orientados ás necesidades das familias, dos docentes e do alumnado de Galicia.
O espazoAbalar, portal dinámico aberto a cambios e melloras, iníciase cunha estrutura en dúas áreas:
- Espazo Familias, e o
- Repositorio de Contidos Educativos.
O espazo familias permitirá aos pais, nais ou titores legais realizar un seguimento académico en liña. Supón establecer unha nova canle de comunicación entre os pais e os profesores en prol da mellora do sistema educativo.
As súas funcionalidades principais son:
- Acceder á información académica dos seus fillos: por exemplo, cualificacións e faltas de asistencia.
- Acceder e modificar os datos persoais e de contacto do responsable do alumno (dirección, teléfono, etc.)
- Consultar a matrícula e os profesores dos seus fillos.
- Subscribirse as notificacións das cualificacións e as faltas de asistencia por medio de correo electrónico.
É de especial importancia que os profesores coñezan esta nova canle de comunicación e información a disposición das familias, xa que a partir de agora, as familias terán acceso en liña á información rexistrada en XADE (cualificacións, faltas de asistencia, etc.)
A información para as familias no espazoAbalar obterase directamente do sistema XADE, polo que non implicará ningunha molestia a maiores nos centros. Neste senso, é imprescindible que os pais teñan correctamente dados de alta os seus datos en XADE para que o uso da aplicación resulte operativa (en particular o DNI).
O Repositorio de Contidos Educativos consiste nunha plataforma de xestión, difusión e emprego dos recursos educativos dixitais existentes na comunidade educativa de Galicia. A selección de contidos educativos clasificados por nivel educativo e materia será compartida entre os diferentes axentes da comunidade educativa galega.
Durante os próximos meses continuaranse ampliando as funcionalidades espazoAbalar. Deste xeito, ao espazo Familias engadirase a solicitude da xustificación de faltas, co espazo Profesores facilitarase a comunicación entre pais e titores e no espazo Centros porase a disposición da comunidade educativa un taboleiro virtual.
Para calquera aclaración ou dúbida pode poñerse en contacto a través do correo electrónico no enderezo espazoAbalar@edu.xunta.es