Cultura e Educación destina 170.000 euros á edición en lingua galega de materiais didácticos para o ensino non universitario

Un total de 10 editoriais resultaron beneficiarias destas axudas

Mar, 18/08/2015 - 13:46

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a resolución pola que se conceden axudas para a edición en lingua galega de recursos didácticos curriculares para niveis non universitarios. A través destas subvencións o departamento que dirixe Román Rodríguez quere garantir unha oferta de material educativo en galego no ensino regrado que sexa á vez ampla e con calidade científica e pedagóxica.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, destina un total de 170.000 a apoiar a edición destas publicacións tanto en formato impreso coma dixital.

Con estas subvencións preténdese garantir unha oferta ampla e de calidade de material educativo, que favoreza a aprendizaxe en galego nas aulas, ademais de apoiar o sector editorial galego, xa que gran parte dos proxectos escollidos foron presentados por empresas da nosa Comunidade.

Xerme Edicións S.L.; Servipost Editores S.L.; Galinova Editorial S.L.; Vicens Vives Primaria S.A.; Ediciones Don Bosco (Editorial Rodeira); Edicións Obradoiro S.L.; Edicións Xerais Galicia S.A.; Editorial Luís Vives; Grupo Anaya S.A. e Baia Edicións A Coruña S.L.; son as dez editoriais que resultaron adxudicatarias destas axudas.

Requisitos

Para poder acceder a estas achegas, as empresas debían dispor dun departamento de edición na Comunidade galega; os materiais ou proxectos propostos debían estar correctamente realizados en galego; os editados en soporte impreso tiñan que ter unha tiraxe mínima de 1.000 exemplares, os editados en soporte dixital ou audiovisual un mínimo de 500 e as electrónicas, de se editar nalgún soporte tanxible (pen-drive, CD, DVD ou outros), un mínimo de 50 exemplares; e por último, as obras en formato electrónico tiñan que estar destinadas á venda e ter acreditado o correspondente número ISBN e a referencia do depósito legal definitivo con data posterior ao 31 de decembro de 2013.

A resolución pode consultarse no seguinte enlace web http://www.xunta.es/dog/Publicados/2015/20150818/AnuncioG0164-120815-0001_gl.html

Menús News node R