A Consellería de Cultura e Educación conclúe o labor do grupo de traballo coas tres universidades galegas para a elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario 2016-2020

Esta mañá tratouse o Panel de indicadores a través do que se distribuirá boa parte do financiamento por resultados; así como os criterios de reparto das partidas destinadas a Reforma, ampliación e mellora

O Plan Galego continuará a súa tramitación nos diferentes órganos da Xunta de Galicia ata ser aprobado polo Consello da Xunta

Co novo documento o financiamento público ao SUG incrementarase, polo menos, nun 17,3% respecto do Plan agora vixente

Mar, 04/08/2015 - 21:32

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e as tres universidades públicas galegas mantiveron unha última reunión do grupo de traballo para a elaboración do Plan Galego de Financiamento Universitario para o período 2016-2020, a través do cal a Xunta incrementará polo menos nun 17,3% -no total do quinquenio- a achega que reciben as institucións universitarias públicas en Galicia.

A xuntanza de hoxe centrouse na definición de criterios de reparto para dous fondos concretos: o de Reforma, ampliación e mellora (no marco do fondo de Financiamento Estrutural); e aquel do fondo de Financiamento por Resultados que se distribuirá en función dun panel de indicadores.

Tras a última reunión de traballo realizada hoxe, no marco dun proceso que se iniciou finais do 2014, o Plan Galego continuará agora a súa tramitación nos órganos da Xunta – Orzamentos, Asesoría Xurídica, etc – antes de ser sometido a informe do Consello Galego de Universidades (CGU). O obxectivo é que o documento final pase sexa aprobado polo Consello da Xunta en outubro. Deste xeito, as tres universidades poderían asinar a súa adhesión ao plan antes de finalizar o ano 2015.

Financiamento estrutural

Cómpre lembrar que o novo Plan simplifica a súa estrutura, ao quedar definidos dous grandes fondos: o de Financiamento estrutural e o de Financiamento por Resultados. Desta forma, o financiamento público autonómico que reciben as institucións universitarias públicas en Galicia distribuirase de forma moito máis transparente e clara, tanto para as propias institucións académicas como para o coñecemento da cidadanía en xeral.

O reparto do Financiamento Estrutural –máis do 66% do groso do Plan anual- quedará vinculado ao número de alumnos matriculados en cada materia de cada grao ou máster; e ao número de grupos de teórica, práctica e clínica que xeren eses alumnos. A partires deses datos, e en base a un modelo estándar acordado coas tres universidades, calcularanse as contías que corresponderán a USC, UDC e UVigo para sufragar os custes estimados de docencia e de PAS (persoal de administración e servizos). A cantidade a repartir no ano 2016 de acordo a estes criterios ascende a 237 millóns de euros.

A maiores, e tamén dentro do Financiamento Estrutural pero xa fóra do devandito modelo estándar de cálculo, a partida de RAM suporá no 2016 unha achega de 5 millóns de euros que se distribuirá entre as tres universidades.

Financiamento por Resultados

No referido ao fondo de Financiamento por Resultados, esta mañá pechouse o Panel de Indicadores a través do que se repartirán 55 dos arredor de 120 millóns de euros da contía total do Plan no ano 2016. O panel estará composto por 12 indicadores, vinculados maioritariamente a I+D+i e transferencia

As partidas restantes serán as referidas a convocatorias de axudas pre e posdoutorais, accións para a mellora da calidade do ensino, campus periféricos especializados, etc; as vinculadas a complementos retributivos e sexenios e as achegas que a Xunta realiza para o funcionamento de entidades como a Fundación Rof Codina, a UNED, ou a Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG).

Maior financiamento público

A Xunta de Galicia compromete con este Plan un claro incremento do financiamento público ás tres universidades. Non en balde, as partidas previstas para o 2016 medrarán en case un 5% - preto de 20 millóns- respecto das de 2015, ata chegar aos 393,44 millóns vinculados directamente ao Plan. Cómpre lembrar, ademais, que existen outras partidas fóra do Plan, tales como convenios con outras consellería, fondos europeos ou fondos da Axencia Galega da Innovación (GAIN), entre outros.