A Xunta comeza o despregamento do Proxecto Abalar que transformará máis de 700 aulas tradicionais en dixitais

O conselleiro de Educación anunciou en rolda de prensa que os ultraportátiles xa están funcionando en 5 centros piloto e que chegarán a 14.500 escolares ao longo do mes de novembro

Mar, 02/11/2010 - 14:01

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

Xesús Vázquez, conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

A Xunta comeza o despregamento do Proxecto Abalar
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, e o subdirector xeral de Sistemas informáticos da Consellería, Carlos Vázquez, ofreceron unha rolda prensa sobre o Proxecto Abalar

O Proxecto ABALAR convertirá este curso en dixitais máis de 700 aulas tradicionais de 300 centros educativos, grazas ao despregamento do Proxecto ABALAR, unha vez comezada xa a fase de despregamento en colexios e institutos piloto de toda Galicia. O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, explicou hoxe en rolda de prensa que nas vindeiras semanas continuarán a repartirse de forma masiva as dotacións das aulas Abalar, que ao longo do mes de novembro chegarán ata os 14.500 escolares que se beneficiarán este curso desta estratexia de integración das novas Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC).

Vázquez Abad anunciou ademais que a partir de mañá se vai poñer en marcha unha primeira versión do EspazoABALAR, a moderna plataforma desenvolvida pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica para fomentar a participación de toda a comunidade educativa neste proxecto. Ademais, o conselleiro recordou que xa deu comezo o período de formación, coa preparación dos coordinadores TIC implicados no proxecto, un total de 300 neste ano académico 2010-2011.

Nesta rolda de prensa, na que estiveron tamén presentes a secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira; e o subdirector xeral de Sistemas Informáticos da Consellería de Educación, Carlos Vázquez Mariño, realizou unha demostración practica do funcionamento do EspazoABALAR.

Un proxecto de futuro

Durante a súa intervención, o conselleiro de Educación lembrou que o obxectivo do ProxectoABALAR é “integración das TIC na práctica educativa”. Ademais, esta estratexia permitirá “aumentar a competencia dixital e a cultura TIC na comunidade educativa, e por ende, na sociedade galega; coordinar e impulsar un cambio de modelo educativo en Galicia apoiado na formación do profesorado e na modernización do ensino; e realizar un aproveitamento efectivo das TIC nuns centros educativos cada vez máis preparados tecnolóxicamente”.

Para iso, o proxecto desenvolverase nos catro vindeiros cursos escolares.  O obxectivo é que ao finalizar o correspondente a 2013/2014 todos os alumnos de 5º e 6º de Primaria e 1º e 2º de Secundaria dispoñan do equipamento, recursos e formación necesaria para acadar a plena integración das TIC. ”O obxectivo a longo prazo é que chegue ao resto de niveis educativos do sistema educativo galego”, adiantou Vázquez Abad.

Neste curso 2010/2011, explicou o conselleiro, “máis de 14.500 alumnos de 5º de primaria e 1º da E.S.O. se beneficiará desta iniciativa, que implicará a máis de 700 aulas pertencentes a 300 centros educativos distribuídos por toda a xeografía galega”. Isto implicará un investimento de máis de 12 millóns de euros xa neste ano académico, dos que máis do 60% proveñen da Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación e da Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica.

Equipamento das aulas

Xesús Vázquez Abad incidiu na estratexia fixada no Proxecto ABALAR, que actúa sobre todos os eidos clave para transformar os centros tradicionais en centros educativos dixitais, como son a dotación de equipamento e infraestrutura, o fomento da cultura dixital por medio da formación, a dotación de contidos educativos dixitais, e a integración e participación no espazoABALAR de toda a comunidade educativa.

A transformación dos centros tradicionais en centros educativos dixitais neste curso consiste en dotar ás aulas da infraestrutura e o equipamento de última xeración. “Desde a Consellería seleccionouse o material tendo en conta ante todo, as necesidades da aula para o correcto desenvolvemento das capacidades dos alumnos e da comunidade educativa en xeral”, explicou o conselleiro.

Así, cada alumno dispón dun ultraportátil Inves Noobi 10, que conta cunha pantalla rotatoria e táctil. Ademais, cada aula está dotada dun portátil para o uso do docente con software libre - ao igual que no caso dos ultraportátiles- e que dispón dun software educativo e de accesibilidade para facilitar a integración das TIC sen ningún tipo de exclusión social, dun encerado dixital táctil que facilita que as clases sexan máis interactivas, e dun proxector de distancia ultra-curta o que evita as sombras sobre o encerado. Tamén se fornecerá a cada aula dun armario de carga para almacenar os ultraportátiles dos rapaces, un elemento que ademais ten a funcionalidade de ser utilizado como reforzo multimedia por medio dos mandos de control para a conexión do sistema multimedia e as saídas de audio amplificadas.  Finalmente, as aulas ABALAR teñen un punto de rede Wifi para garantir unha correcta conexión.

Formación do profesorado

Para facer un uso eficaz destes recursos, a Consellería formou xa a 300 coordinadores TIC, e vai facer o mesmo con 2.500 profesores e finalmente coas familias implicadas no proxecto. Rematada a formación dos devanditos colectivos, formarase aos profesores das aulas ABALAR, por medio de obradoiros; á inspección e aos profesores que non pertencen ás aulas ABALAR.

 Estratexia de despregamento

O conselleiro explicou tamén a evolución do despregamento do equipamento no presente curso escolar, en base a tres etapas. Así, o pasado mes de setembro púxose en marcha xa unha aula piloto situada nas propias instalacións da Consellería, co fin de acadar a integración entre os distintos compoñentes do aula. En paralelo realizouse unha análise e selección de 5 centros piloto con distintas características nos que analizar as distintas situacións que se poden dar na implantación do ABALAR.

Tras isto, comezou a distribución e instalación do equipamento nestes 5 centros piloto distribuídos nas 4 provincias galegas, coa finalidade de coñecer os principais riscos atopados nos diferentes entornos e darlles solución de maneira que o despregamentos a todos os centros sexa planificado e no período máis curto posible.

Unha vez rematado isto, e para garantir un correcto despregamento, reuniuse información sobre a situación das instalacións dos centros. Así, estase a levar a cabo o despregamento escalonado pero masivo tendo en conta a distribución xeográfica dos centros participantes, as dificultades e características dos centros obtidas da información recabada..

Servizos en Rede

A responsable de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, lembrou que Abalar é unha iniciativa integrada na estratexia 2014.gal Axenda Dixital de Galicia que considera “prioritaria a incorporación efectiva das novas tecnoloxías en todos os ámbitos da sociedade como ferramenta imprescindible e irrenunciable para o progreso”

 Mar Pereira destacou tamén que Abalar é nunha iniciativa de capacitación dixital non só para os alumnos senón tamén para a sociedade porque é unha iniciativa na que se implican  as familias a través de instrumentos como o Espazo Abalar “co que continuamos a abrir servizos a través da Rede para os cidadáns, unha das claves para avanzar cara unha verdadeira administración electrónica”. Ademais, recalcou que co Espazo Abalar “proporcionamos unha ferramenta para promover a participación, a corresponsabilidade e  a implicación de toda a comunidade educativa e tamén un novo medio para que as familias se impliquen no proceso educativo e poidan colaborar co profesorado.”

EspazoABALAR

Unha das características diferenciais da estratexia de integración das TIC no ensino da Xunta de Galicia é a posta en marcha do EspazoABALAR, unha moderna plataforma de última xeración desenvolvida pola Consellería de Educación e a Secretaría Xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, coa obxectivo de fomentar a participación cidadá no sistema educativo.

O subdirector xeral de Sistemas informáticos da Consellería, Carlos Vázquez, realizou durante a rolda de prensa unha demostración do funcionamento desta plataforma. Así explicou que, entre as finalidades deste portal, están as de incrementar a eficacia dos servizos educativos, desenvolver as TIC no ámbito do ensino, e fomentar a participación e motivación do alumnado, loitando ao mesmo tempo contra o fracaso escolar, a través dun seguimento continuado por parte das familias dos resultados académicos e  do comportamento dos alumnos.

Ademais, esta plataforma servirá para fomentar a participación dos centros e da comunidade docente abrindo novas vías de comunicación e colaboración, e para reducir as cargas de traballo da Administración,  minimizando os trámites administrativos.

Así mesmo, o espazoABALAR incorpora o ‘Repositorio de contidos educativos dixitais de Galicia’, unha plataforma de xestión, difusión e emprego de recursos educativos dixitais seleccionados e clasificados pola Consellería de Educación, que os axentes da comunidade educativa galega poderán compartir entre eles.

Seguimento das familias

O portal vai dirixido tanto aos pais, nais e titores, como aos alumnos e docentes, e estrutúrase en diversas áreas con funcionalidades e servizos específicos para cada tipo de usuario. Tal e como explicou o subdirector, na actualidade xa está a funcionar o espazo destinado ás familias, así como o devandito Repositorio de contidos educativos dixitais.

O espazo Familias permite realizar un seguimento académico en liña e comunicarse cos profesores por medio de titorías, incluíndo servizos de subscrición por SMS ou e-mail, co fin de facilitar a integración de pais e nais na Comunidade Educativa. A través da plataforma os pais poderán seguir as notas dos seus fillos, e proporcionaralles maior información dos programas educativos, o absentismo e a consulta das avaliacións, o calendario escolar, o transporte, o comedor, ou as actividades. Ademais, esta área do portal contribúe a axilizar os trámites relacionados coa educación, reducindo os de carácter administrativo. Doutra banda, e no marco da estratexia de avance cara unha verdadeira administración electrónica,  este espazo facilita o exercicio do dereito do cidadán a elixir o medio de acceso aos servizos públicos, a través da web, e-mail, ou teléfono.

Polo demais, e tras esta primeira versión, EspazoABALAR contará con outras funcionalidades, tales como o espazo Profesores, que facilitará aos docentes a comunicación cos pais; e o espazo Centros, que porá a disposición da comunidade educativa un taboleiro virtual, con información sobre as novidades e servizos que ofrecen os centros docentes.

Declaracións de Xesús Vázquez (1)

Declaracións de Xesús Vázquez (2)

Declaracións de Xesús Vázquez (3)

Declaracións de Mar Pereira