Feijóo: “Este momento de maior crise económica non impedirá o de maior riqueza de coñecementos lingüísticos e tecnolóxicos nas escolas públicas galegas”
Salienta que durante toda a lexislatura, o Programa Abalar permitirá dixitalizar 4.400 aulas de 1.085 centros e facer que 87.400 alumnos sexan autónomos tecnoloxicamente falando.
Vídeo coas declaracións de Alberto Núñez Feijóo
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, afirmou esta mañá, en Ourense, que “este momento de maior crise económica non impedirá o de maior riqueza de coñecementos lingüísticos e tecnolóxicos nas escolas públicas galegas”. “É unha satisfacción –dixo- que, pese as restricións xerais, poidamos incrementar as opcións do ensino público galego e, por tanto, as posibilidades de futuro de todos os rapaces de Galicia. En primeiro lugar, abrindo espazos para o coñecemento dun idioma estranxeiro nas escolas públicas, o que ate ao de agora estaba limitado ao ensino privado; e, en segundo lugar, pasando da tradicional e illada aula de informática que había nos centros, a que as aulas se informaticen e se empregue a tecnoloxía dun xeito cotiá”.
Neste sentido, Feijóo subliñou que a educación galega estrea hoxe, coa posta en marcha do Programa Abalar, unha nova era e adáptase a cambios profundos para dar resposta a unha necesidade irrenunciable para os galegos do futuro, como é o acceso ás novas tecnoloxías. “Hoxe, asumimos o compromiso de aumentar a dispoñibilidade, pero tamén a capacitación tecnolóxica dos estudantes. E así, durante toda a lexislatura, o Programa Abalar permitirá dixitalizar 4.400 aulas de 1.085 centros e facer que 87.400 alumnos sexan autónomos tecnoloxicamente falando”.
O titular do Goberno galego explicou que con esta iniciativa desprégase unha estratexia ambiciosa a nivel cuantitativo. “Nesta primeira fase do proxecto, investiremos 12 millóns de euros que nos permitirán dixitalizar no próximo mes 700 aulas en 300 centros educativos con portátiles para estudantes e para profesores, con encerados dixitais, con proxectores, con armarios de carga ou con puntos de rede Wifi”.
Pero tamén se desprega unha estratexia ambiciosa a nivel cualitativo. “Que terá en conta as particularidades de Galicia –a orografía, a dispersión...-, pero que sobre todo involucrará a toda a comunidade educativa, a alumnos, pais e profesores”.
Feijóo destacou que o Programa Abalar non se limita exclusivamente á dotación material, senón que pretende dar un salto total e completo cara o centro educativo dixital. “300 coordinadores TIC levan desde o pasado xuño formándose en aspectos técnicos sobre as aulas dixitais, pero tamén en temas metodolóxicos para poder elaborar e difundir recursos educativos propios; e os 2.500 docentes que participarán no proxecto están sendo formados para adquirir a plena integración das TIC nas súas aulas”.
Así mesmo, avanzou que máis de 14.500 alumnos disporán neste curso dun ultraportátil e dunha educación práctica, individualizada e pedagóxica que lles permitirá mellorar as súas competencias dixitais; “e abrimos un novo portal educativo, o espazo Abalar, que será unha ferramenta fundamental non só para os alumnos, senón tamén para as familias, na medida e en que as involucra de cheo na educación dos seus fillos”.
A posta en marcha do Programa Abalar pon de manifesto, segundo o responsable autonómico, “o compromiso e a obsesión deste Goberno por outorgar á educación novos instrumentos, adaptados ás necesidades de hoxe e capaces de espertar utopías para o mañá”. “Con ese obxectivo, -recordou- unha das primeiras decisións políticas da Xunta foi aprobar o Decreto do Plurilingüismo para que os rapaces galegos teñan unha educación máis completa, porque non só non renunciamos ao coñecemento de ningunha das nosas dúas linguas oficiais, senón que introducimos de xeito progresivo o inglés para que se multipliquen por tres as portas no futuro; e poñemos, hoxe, en marcha o Programa Abalar que nos permitirá dar aos rapaces unha educación máis competitiva a través das novas tecnoloxías”.
Xunto aos saberes propios da educación básica, Feijóo amosouse convencido de que na educación se fraguan tamén valores, debates, soños. “É nas aulas onde os homes e mulleres do mañá se decatan de que a realidade non é un feito irrevogable. É nas aulas onde se empeza a construír a Galicia do futuro”, aseverou.
Parafraseando a Walter Benjamin afirmou que “o inconformismo é unha das divisas que nos permitiu avanzar como país, tamén en tempos difíciles. E así ha de seguir sendo, aínda máis desde aquí, desde o sistema educativo, no que a Galicia do futuro inicia a súa marcha”.
Por último, Feijóo lembrou que xunto co Plan de Banda Larga que garantirá o acceso universal dos galegos a Internet, o Programa Abalar, “que hoxe despregamos para garantir a plena incorporación das TIC´s ao sistema educativo de Galicia, de xeito integral”, é o outro dos obxectivos fundamentais da Axenda Dixital 2014.gal.