O secretario xeral de Política Lingüística destaca a importancia da primeira misa en galego para o proceso de normalización co gallo do próximo cincuentenario da súa celebración
Valentín García Gómez participou nunha rolda de prensa para anunciar a conmemoración deste cincuenta aniversario, que servirá tamén de homenaxe aos promotores da Misa de Rosalía en galego
O oficio relixioso en lembranza da poetisa, que se viña desenvolvendo en latín cada 25 de xullo no Panteón de Galegos Ilustres desde o ano 1932, trocouse ao galego en 1965 coa aprobación do cardeal Quiroga
O próximo sábado 25 de xullo, Día de Galicia, o Panteón de Galegos Ilustres acollerá ás cinco da tarde a Misa de Rosalía, en honor á poetisa compostelá, unha eucaristía que se celebra en galego desde 1965. Este 2015 o acto terá un carácter especial, pois cumprirase con el o 50 aniversario da primeira misa oficial en galego. Así o resaltou o secretario xeral de Política Lingüística da Consellería de Cultura e Educación, Valentín García Gómez, na rolda de prensa celebrada esta mañá no propio Panteón de San Domingos de Bonaval para dar conta do aniversario e animar os galegos e galegas a participaren nesta conmemoración.
García Gómez sinalou que a tarefa de normalización do galego “é tan ampla e absorbente que a miúdo nos impide parar e volver a vista atrás”, pero esta revisión -engadiu- é necesaria por dous motivos: “en primeiro lugar, para ver os logros e o avance que experimentou o galego nos últimos anos, sen perder de vista os retos que se lle presentan na actualidade, o que nos convida ao optimismo e dános azos para seguir adiante”; e en segundo lugar, para “recoñecermos o esforzo e os logros dos que, nun tempo en que todo estaba por facer, apostaron pola lingua do pobo, o que nos empuxa hoxe á acción máis decidida a prol do galego seguindo o seu exemplo”.
Valentín García destacou tamén a importancia dunha misa en galego nunha sociedade, a de hai medio século, na que a lingua propia de Galicia estaba excluída dos contextos públicos e formais. “Esta celebración, que contou coa bendición do cardeal Quiroga, supuxo un paso adiante importantísimo na valoración e na proxección social da lingua”, recalcou.
O secretario xeral de Política Lingüística estivo acompañado na rolda de prensa por Marcelino Agís Villaverde, presidente do Foro Galicia Milenio, que organiza a Misa de Rosalía; Dolores Mosquera de Cerqueiro, filla de Xosé Mosquera Pérez, galeguista iniciador, a canda Manuel Beiras García, da tradición da Misa de Rosalía no ano 1932, e Roxelio Groba, director da Orquestra de Cámara Galega, que lle poñerá música ao acto o 25 de xullo.
Primeira misa oficial en galego
A misa en lembranza de Rosalía de Castro celebrárase por primeira vez no ano 1932 da man de Xosé Mosquera Pérez (coñecido coma “o vello dos contos”) e Manuel Beiras García e outros galeguistas. Mais, como todas as eucaristías ata que en 1963 o Concilo Vaticano II autorizou e promoveu o uso das linguas vernáculas na liturxia, facíase en latín.
No ano 1965, e aproveitando as novas disposicións conciliares, unha delegación do Padroado Rosalía de Castro reuniuse co cardeal Quiroga para pedirlle que se celebrase en galego a misa rosaliana daquel 25 de xullo. O cardeal accedeu e encargoulle ao Padre Seixas que presidise a dita eucaristía seguindo a liturxia renovada propugnada polo Vaticano II e coidando a calidade do idioma. Celebrouse, pois, a primeira misa “oficial” en galego, aínda que seguramente tivera lugar xa algunha outra con anterioridade sen autorización eclesiástica expresa.
A misa de Rosalía era un dos poucos actos públicos de afirmación galeguista que resultaba posible celebrar nos anos 60, razón pola que reunía arredor da figura da autora dos Cantares gallegos a persoas de diferentes idades, zonas de Galicia e ideoloxías. A súa celebración en galego foi recoñecida na época como un acontecemento histórico e é valorada hoxe como paso fundamental no proceso de normalización lingüística.