O conselleiro de Educación inaugura a 38 edición do Congreso Nacional da Ensinanza Concertada “Tendendo pontes”, en Vigo
No encontro, que reunirá ata este domingo a máis de 450 persoas, tamén se realizará unha homenaxe ao que fora presidente de CECE Galicia, José Manuel Álvarez
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a 38º edición do Congreso Nacional “Tendendo pontes”, organizado pola Confederación Española de Centros de Ensinanza (CECE) e a súa delegación en Galicia. O acto, que durará ata este domingo, 31 de outubro, tivo lugar no centro cultural de Caixanova, en Vigo.
Durante a súa intervención Vázquez Abad suliñou que “a dignificación da función docente é clave e primordial no esforzo que han de realizar as institucións académicas e a sociedade civil no seu conxunto. Ése é o noso gran desafío, e supón una das tarefas primordiais dos gobernos, si realmente o noso país quere poñerse á altura dos retos do século XXI. Contamos co uso das novas tecnoloxías, un elemento de importancia crecente nas tarefas de aprendizaxe que favorecen a posibilidade de estudo en grupos e permite, asemade, individualizar e resaltar as capacidades propias de cada alumno”. O conselleiro destacou a importancia das novas tecnoloxías e dixo que “con estas innovacións se pode potenciar dun xeito extraordinario a autonomía dos mestres e profesores á hora de afrontar o seu traballo nas aulas con máis capacidade creativa, promovendo estímulos cheos de potencial”.
Acto de homenaxe
O conselleiro estivo acompañado durante o acto inaugural pola presidenta do Consello Escolar do Estado, Carmen Maestro Martín; o presidente de CECE, Antonio Rodríguez- Campra; e o presidente de CECE Galicia, Joaquín Pereira, entre outros. Posteriormente realizouse un acto homenaxe ao que fora presidente de CECE Galicia, o falecido José Manuel Álvarez; así como a entrega de recoñecementos CECE “Educación en liberdade”, que foron para o diario ABC; Marcelino Fuentes; Sor Teresa Lera; e, o título póstumo tamén foi para José Manuel Álvarez.
Respecto ao homenaxeado José Manuel Álvarez o conselleiro de Educación destacou que “a súa vida, o seu traballo e xenerosidade, constitúen un exemplo para todos nós e serven de acicate para seguir adiante e superar todas cantas dificultades se alcen no noso desexo de desenvolver as bases dunha sociedade cada vez máis xusta e eficaz, quen de competir e de gañar no complexo universo da sociedade global”.
No acto estiveron presentes, xunto ao conselleiro, a delegada da Xunta en Vigo, Lucía Molares; o xefe territorial de Educación en Pontevedra, César Pérez Ares.
O desenvolvemento do encontro
Máis de 450 persoas, titulares e directores de centros educativos privados asistirán nestes días a diferentes mesas redondas e relatorios, con representantes da administración educativa das distintas comunidades autónomas. Estes encontros serán un foro de debate a través do cal reflexionar e coñecer a actualidade educativa co obxectivo de adoptar estratexias que axuden a mellorar a tarefa docente e a calidade do sistema educativo.
Entre os asistentes a esta edición encóntrase, entre outros, Reyes Calderón, que falará de “Economía da Educación”; e Rosario Sábada, que analizará os retos e oportunidades que as novas tecnoloxías aportan ao proceso educativo. Pola súa banda, o presidente de CECE ofrecerá un relatorio no que explicará as liñas de traballo, tendencias e obxectivos deste colectivo. Ademais o departamento xurídico fará unha análise da reforma laboral e as medidas económicas desenvolvidas polo Goberno Central.