Convocatoria do Premio Luis Freire de Creatividade Científica para Escolares

Xov, 28/10/2010 - 17:14

O “Luis Freire” é un premio de investigación que reta aos estudantes galegos de secundaria a demostrar a súa creatividade científica. O primeiro paso que os estudantes deben dar para participar é facerse unha pregunta relacionada con feitos e procesos da vida cotiá, da súa contorna máis inmediata. Despois, co asesoramento dun profesor, deberán deseñar a investigación cientifica que lles permita obter resultados e conclusións.

O Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares naceu en 1999 como unha iniciativa dos Museos Científicos Coruñeses para fomentar o interese pola ciencia e a formación en actitudes científicas. Creado en memoria do botánico galego, premia aos participantes que se distinguen pola orixinalidade e o rigor das súas investigacións, que demostran sentido crítico, curiosidade e constancia.

Os escolares que desexen participar teñen ata o próximo 30 de novembro para enviar as súas preguntas. Posteriormente, os admitidos terán 4 meses para desenvolver os seus traballos. A fase final terá lugar na Domus o 11 de xuño de 2011 e a ela concorrerán os cinco mellores traballos seleccionados.

Na XIII edición do “Luis Freire”, o primeiro premio consiste nunha viaxe a un lugar ou instalación de interese científico-cultural (nas pasadas convocatorias visitaron as excavacións de Atapuerca e o parque natural Arribes del Duero), e un cheque-agasallo de El Corte Inglés para o profesor.

O prazo de presentación de propostas de investigación está aberto ata o 30 de novembro de 2010.

O XIII Premio Luis Freire de Investigación Científica para Escolares está convocado polos Museos Científicos Coruñeses e El Corte Inglés, en colaboración coa Asociación de Amigos da Casa das Ciencias

Máis información, bases da convocatoria e boletín de inscrición en:

Menú Advertisement

Concursos

Sen términos