O novo Plan de Financiamento Universitario estará dotado de 2.470 millóns de euros, un 17,3% máis que o anterior, e establece un reparto de fondos que primará os resultados
Os conselleiros de Facenda e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mantiveron unha reunión de traballo cos reitores das tres universidades do SUG para avanzar no marco financeiro que rexerá no período 2016-2020
Os conselleiros de Facenda e de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, mantiveron unha reunión de traballo cos reitores das tres universidades do SUG para avanzar no marco financeiro que rexerá no período 2016-2020
Elimínanse os criterios históricos de reparto en aras dunha maior transparencia
Primarase a cooperación interuniversitaria, a especialización dos campus ou a mellora da empregabilidade, á vez que se avanzará cara reformas estruturais
O novo documento que se está ultimando responde -en palabras do conselleiro Román Rodríguez- “a un plan máis obxectivo, transparente e axeitado aos tempos e aos novos retos que se nos presentan”
O Goberno galego e mailas tres universidades do Sistema Universitario Galego (SUG) están a ultimar o novo Plan de Financiamento Universitario 2016-2020, que contará cunha dotación orzamentaria inicial de 2.470 millóns de euros de financiamento público, o que supón un incremento do 17,3% con respecto ao Plan que agora expira.
Os conselleiros de Facenda e de Educación, Cultura e Ordenación Universitaria, Valeriano Martínez e Román Rodríguez respectivamente, mantiveron esta tarde unha reunión de traballo cos reitores da Universidade da Coruña, Xosé Luís Armesto; da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Viaño; e da Universidade de Vigo, Salustiano Mato; para perfilar este novo marco financeiro que rexerá no próximo quinquenio.
Ademais dunha dotación económica global máis elevada que, segundo explicou posteriormente en rolda de prensa o conselleiro Román Rodríguez, non é unha cifra pechada, “senón que é posible que se incremente coa captación de recursos externos”; increméntanse nun 5% as contías das partidas propias do Plan xa desde o primeiro ano, ao pasar de 374,22 millóns de euros en 2015 a 393,44 millóns en 2016.
Así mesmo, outra das principais novidades que introduce este Plan é un novo reparto de fondos. A nova folla de ruta financeira universitaria articularase en torno a dous grandes fondos: o financiamento estrutural e o financiamento por resultados.
Financiamento estrutural
Este fondo representará inicialmente o 66,6% do total e partirá cunha base de 237,75 millóns de euros para o vindeiro ano 2016. Reflicte o custo estimado das necesidades de persoal docente e administrativo para a prestación dos servizos dun xeito eficiente, partindo de criterios de custo estándar da docencia. O importe de dito custo calcúlase en función do número de alumnado matriculado en cada materia de grao e mestrado.
Por tanto, elimínanse os criterios históricos, e o alumnado real, xunto coa oferta de créditos matriculados, convértese no criterio básico deste fondo.
Financiamento por resultados
Representará inicialmente o 33,4% do financiamento restante, aínda que o obxectivo final é ir acadando de xeito progresivo o 40% do total en función da evolución de indicadores académicos, de investigación e de transferencia.
Dentro deste montante, introdúcense obxectivos de mellora da calidade co fin de avanzar na cooperación interuniversitaria, na especialización dos campus, nos idiomas ou na mellora de rankings, entre outros. Tamén se prevé a incorporación de sexenios e complementos retributivos autonómicos correspondentes a méritos individuais.
Non obstante, -tal como expuxo Román Rodríguez ao final da reunión-, haberá flexibilidade entre estes dous grandes fondos, unha cuestión novidosa con respecto ao plan actual e que garante a blindaxe da cantidade global. Isto é, se hai un decrecemento no fondo estrutural por razóns diversas, este verase compensado co fondo de resultados e viceversa.
Salto “cuantitativo e cualitativo”
O conselleiro de Cultura e Educación asegurou que este novo escenario financeiro supón para as tres universidades “un dobre salto, cualitativo e cuantitativo”, ao tempo que incorpora moitas das demandas que se viñan facendo desde a comunidade universitaria, como é a eliminación das partidas de criterios históricos a prol da transparencia e a obxectividade, así como que o alumando real e a oferta de créditos sexan o criterio básico do fondo estrutural.
Por tanto, o novo documento responde -en palabras do titular do departamento educativo da Xunta de Galicia - “a un plan máis obxectivo, transparente e axeitado aos tempos e aos novos retos que se nos presentan”. “Somos conscientes de que a Universidade galega é merecente do maior apoio público posible. Agora ben –engadiu–, tamén debemos recoñecer o significativo esforzo que fai a sociedade galega para financiar o sistema universitario”.
Nesta liña, Román Rodríguez fixo un chamamento a xestionar os recursos públicos desde a perspectiva da eficiencia e da eficacia. Neste senso, recordou que o novo plan incentivará a posta en marcha de reformas estruturais progresivas que redundarán nunha modernización do Sistema Universitario de Galicia.
O responsable educativo da Xunta agradeceu non só a presenza dos reitores, senón tamén a súa colaboración para artellar un plan consensuado que combine eficiencia con consecución de resultados.