Anxo Lorenzo defende en Bruxelas a necesidade de “transmitirlle á cidadanía unha mensaxe favorable ás linguas minoritarias”

O secretario xeral propón “desbotar os discursos lingüísticos catastrofistas sobre o futuro da diversidade lingüística europea con escasa base real”

Mér, 27/10/2010 - 20:05
Anxo Lorenzo durante a súa intervención
Anxo Lorenzo durante a súa intervención

O secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, defendeu en Bruxelas a necesidade de “transmitirlle á sociedade unha mensaxe favorable ás linguas minoritarias que historicamente foron minusvaloradas”. O responsable de Política Lingüística da Xunta de Galicia fixo estas declaracións durante a súa intervención na conferencia internacional da Network to Promote Linguistic Diversity (Rede Europea para a Diversidade Lingüística), da que forma parte a secretaría xeral.

“Nestes momentos de especial dificultade na promoción das linguas rexionais e minoritarias de Europa debido ao contexto socioeconómico, sociolingüístico e político actual, faise necesario transmitir esta mensaxe favorable e, ao mesmo tempo, fuxir de discursos lingüísticos catastrofistas sobre o futuro da diversidade lingüística europea con escasa base real”, asegurou o secretario xeral na sesión de clausura da conferencia.

Respecto da actual política lingüística de Galicia, o secretario xeral destacou que esta está dirixida á ampla maioría de galegos e galegas que queren vivir nunha sociedade plurilingüe que promova activamente o galego. “En consecuencia –engadiu Anxo Lorenzo–, desde a Xunta de Galicia buscamos asentar unha base na que o conxunto da cidadanía se sinta cómoda e implicada na promoción do uso da lingua galega”.

Por outra banda, Anxo Lorenzo tamén deu conta das conclusións da xornada durante o seu relatorio, no que estivo acompañado pola viceconselleira de Política Lingüística do goberno vasco, Lurdes Auzmendi. Neste sentido, salientou “a necesidade de seguir traballando a prol do plurilingüismo dentro da Network to Promote Linguistic Diversity (NPLD)”, da que forman parte 28 gobernos e entidades sociais europeas. Así mesmo, puxo de relevo a importancia de que “a NPLD reforce o seu papel como entidade mediadora entre as institucións europeas, os gobernos estatais e rexionais e a sociedade civil, mediante o establecenmento das canles de comunicación e diálogo axeitadas para difundir os valores da diversidade lingüística e do plurilingüismo”.

Ampla representación dos gobernos e entidades sociais europeas

A conferencia internacional deste ano da NPLD, que tivou lugar hoxe en Bruxelas, centrou a súa temática, por unha banda, na cooperación e no apoio a prol da promoción da diversidade lingüística no contexto europeo e, por outra, nos resultados das accións promovidas por esta rede nos últimos tres anos.

Tamén interviron na conferencia, entre outros, o presidente e a co-vicepresidenta desta rede, Meirion Prys Jones e Araceli Díaz, respectivamente; o conselleiro de Patrimonio do Goberno da Asemblea Galesa, Alun Ffred Jones; o secretario xeral de Política Lingüística da Generalitat de Catalunya, Bernat Joan i Mari; o director da Oficina de Asuntos Comunitarios, de Igualdade e Lingüísticos do Goberno Irlandés e co-vicepresidente da NPLD, Deaglán Ó Brian; e a secretaria de Dereitos Lingüísticos da Asemblea Sueca de Finlandia; Peggy Heikkinen.

Menús News node R