O conselleiro de Educación clausura, en Ourense, as IV Xornadas de Medioambiente e Dereito Ambiental de Galicia

Os encontros, que se celebraban dende o luns no campus ourensán, congregaron a 320 asistentes

Ven, 22/10/2010 - 21:15

O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, clausurou hoxe as IV Xornadas de Medioambiente e Dereito Ambiental de Galicia, que dende o luns estaban celebrándose no campus de Ourense.

Durante o acto de clausura, Vázquez Abad sinalou a importancia das xornadas que hoxe remataron, das que afirmou que “o traballo realizado por todos vostedes nestes días, reafirma a nosa convicción de que a defensa dos recursos naturais constitúe a espiña dorsal dunha nova Cultura, é dicir, da nosa capacidade para intervir dun xeito orixinal e positivo no noso ámbito social”, e dixo que “a Educación Ambiental ofrece un enorme potencial para a cooperación como vértice de encontro de saberes e prácticas procedentes das máis diversas áreas do coñecemento, o que a converte nunha extraordinaria ponte esencial que actúa como vínculo natural e intelixente entre o Sistema Educativo  e a Sociedade”.

Asemade Vázquez Abad, que asistiu por segundo ano consecutivo á clausura do encontro, sinalou que “podemos e debemos reinventar dunha maneira creativa a maneira de comprender a nosa relación coa xenerosa terra que nos dá a oportunidade de vivir e traballar nun pobo inzado de oportunidades: Galicia e a súa vizosa xeografía humana e territorial, por cuxa conservación paga a pena todo canto esforzo esteamos dispostos a  realizar”.

As competencias do encontro

As actividades organizadas a través da Facultade de Ciencias da Universidade de Vigo e da Asociación Medioambiental e Universitaria Syme , o concello de Ourense e distintas entidades privadas foron inauguradas polo conselleiro de Medio Rural, Samuel Juarez, o pasado luns. As xornada congregaron a máis de 321 asistentes, entre oíntes e matriculados, a maioría estudantes de todas as ramas educativas do campus de Ourense.

Todos os presentes asistiron a relatorio que xiraron arredor do medio, os espazos naturais protexidos no que se inclúen a Reserva da Biosfera e a zona galega; o control e xestión ambiental, así como a xestión do auga e os retos desta acción para o futuro. Por outra banda, e sen esquecer o marco das xornadas, déuselle cabida á educación sostible e ao seu desenvolvemento no medio rural e en Galicia en xeral.

Na xornada de hoxe foi aberta polo fiscal xefe de Ourense, Florentino Moure González, que falou de “A protección do medio ambiente e a acción da Xustiza: Xurisdición penal”. Posteriormente interveu o Fiscal de Sala coordinador de Medio Ambiente e Urbanismo do Tribunal Supremo, Antonio Vercher Noguera que falou de “Delitos Medioambientais”.

Durante o acto de clausura das xornadas o conselleiro de Educación estivo acompañado polo presidente do Consello Social da Universidade de Vigo, Emilio Atrio Abad; e o presidente da Asociación Universitaria SYME, José Antonio Pérez Domínguez. Xunto a eles tamén estiveron presentes a vicerreitora da Facultade de Ciencias do campus de Ourense; María Lameiras Fernández.

Asemade no acto tamén estiveron presentes o delegado da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez e a xefa territorial de Educación na provincia, Marisol Díaz Mouteira.

Menús News node R

Colectivo

Tema

Ensinanza