"Queremos galego" desbotou falar coa Xunta sobre as bases do Decreto de Plurilingüismo

E a segunda vez que os convocantes da manifestación de mañá rexeitan entrevistarse coa Consellería de Educación

Mér, 20/01/2010 - 17:21

A Xunta de Galicia convocou, o pasado día 15 de xaneiro, a Queremos Galego a manter unha reunión que estaba prevista para hoxe, ás 11:00 horas, co fin de que esta plataforma lle trasladase ao Goberno as súas valoracións e suxestións respecto do contido das "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia". En resposta á citación,a Xunta recibiu hoxe un comunicado da plataforma no que se indica a decisión desta entidade de non acudir á devantida xuntanza.

A Xuntade Galicia respecta esta decisión e reitera a súa vontade de continuar co diálogo coas diferentes entidades políticas e sociais de cara á consecución do maior consenso posible. A plataforma Queremos Galego xa rexeitara anteriormente unha reunión para lle transmitir á Xunta as accións e medidas do Goberno que motivaran a manifestación do pasado 18 de outubro. Por outra parte,a Xunta de Galicia considera preventivos o anuncio da convocatoria de folga de mañá en contra das "Bases para a elaboración do decreto do plurilingüismo no ensino non universitario de Galicia", e mesmo o da manifestación, xa que foron anunciadas e/ou convocadas con anterioridade a que o Goberno galego lle presentase á sociedade o contido das mesmas.