O conselleiro de Educación confirma en Ourense a aposta dos orzamentos de 2011 polo plurilingüismo, as TIC no ensino e as universidades
Xesús Vázquez Abad anunciou que se investirán más de 7,1 millóns de euros na implantación das Tecnoloxías da Información no sistema educativo
O conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, confirmou hoxe en Ourense a forte aposta que o Goberno galego está a facer para impulsar a educación de calidade en Galicia, ao mellorar as partidas dos Orzamentos de 2011 destinadas á implantación das novas tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC) no ensino, e ao desenvolvemento do Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. Aludiu, igualmente, ao excepcional esforzo que fai os eu departamento para manter os orzamentos das universidades.
Tras manter unha reunión co delegado da xunta na provincia, Rogelio Martínez, o conselleiro adiantou as contías coas que contarán as principais partidas do seu departamento para o vindeiro ano. Ademais, recordou o compromiso da Xunta de Galicia coa provincia de Ourense, a través de fortes investimentos das dez consellerías que conforman o Goberno galego.
Proxectos de futuro
Vázquez Abad explicou que na elaboración dos Orzamentos 2011 primou o sentido de política social, ademais do impulso dos novos proxectos para a construción dunha Galicia de futuro. Así, lembrou que 3 de cada 4 euros destínanse a gasto social, o que supón que o 75% dos recursos irán parar a Educación, Traballo e Benestar, Igualdade, Sanidade e Emigración.
Doutra banda, os Orzamentos 2011 dedican máis de 7,1 millóns de euros para a implantación das Tecnoloxías da Información no sistema educativo e a dixitalización dos centros de ensino a través de iniciativas estratéxicas da Consellería como o Proxecto ABALAR. Ademais, o vindeiro ano as contas autonómicas reservan algo máis de 5 millóns de euros ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras, un 11,2% do que se contemplaba nos presupostos do 2010.
Co compromiso das contas cos proxectos de futuro para o sistema educativo, a Consellería de Educación poderá continuar a traballar para conseguir que en 2013 máis de 87.000 alumnos de 1.000 centros educativos se beneficien da introdución das TIC nas aulas, ademais de 15.000 docentes, que recibirán formación específica para o uso destas tecnoloxías na súa práctica diaria.
Ademais, o obxectivo é que máis de 40.000 alumnas e alumnos galegos de Primaria e da ESO teñan mellorado no curso 2012/ 2013 as súas competencias lingüísticas grazas ao Plan Galego de Potenciación das Linguas Estranxeiras. De feito, 29.000 escolares galegos estudarán este curso varias materias en inglés, francés e outras linguas, nos primeiros 59 centros plurilingües de Galicia e nas 1.519 seccións bilingües impartidas nos colexios e institutos; todos eles co apoio de 262 auxiliares de conversa, o que supón multiplicar case por catro o número destes axudantes respecto dos que houbo o curso pasado.
Compromiso coas universidades
O conselleiro de Educación fixo fincapé no esforzo realizado pola Xunta de Galicia ao acordar coas tres universidades do Sistema Universitario de Galicia (SUG) a cifra de 390 millóns de euros para o ano 2011.
Deste xeito, mantense o presuposto destinado a estas institucións académicas, co que o Goberno galego fai unha aposta estratéxica polo ensino universitario, malia á crise económica actual; e que se manterá durante o quinquenio 2011-2015, no que se destinarán ás universidades máis de 2.000 millóns de euros.
Melloras nos centros ourensáns
Xa respecto da provincia ourensá, o conselleiro de Educación anunciou que os presupostos do vindeiro ano contemplan un investimento de máis de 2 millóns de euros para nova construción e proxectos de reforma, ampliación e mellora (RAM) dos centros educativos.
Grazas a este investimento seguirán adiante os proxectos de ampliación do CEIP de Allariz e de reforma do IES de Vilamarín, así como cos de construción de novos institutos de educación secundaria en Barbadás e Celanova. Ademais, o vindeiro ano incrementarase o presuposto en materia de plurilingüismo na provincia, así como o dedicado á dixitalización dos centros escolares.
Gasto social en Ourense
Doutra banda, o conselleiro de Educación, recordou o compromiso da Xunta de Galicia coa provincia de Ourense a través da creación de novas prazas nas escolas infantís dependentes da Consellería de Traballo, con novos proxectos para os centros de menores, axudas para plans de cooperación, programas de orientación e plans integrados para o emprego. Ademais, blíndanse as inversións en RISGA, as axudas de emerxencia social e mantéñense os recursos destinados ás prestacións e servizos para os dependentes, pese á baixada do 17% dos fondos para as Comunidades Autónomas desde o Goberno central.
Na mesma liña, a Xunta multiplicará por tres as partidas para xerar inversións na provincia a través do Plan Impulsa Ourense, que leva mobilizado 47 millóns de euros e 260 empregos. Deste xeito pasarase do 9 millóns de euros dedicados nos Orzamentos 2010 aos 24 millóns previstes nos de 2011.
Xa en materia de Sanidade, explicou Vázquez Abad, a Xunta de Galicia construirá cinco novos centros de saúde da provincia, para o que xa se presupostaron partidas nas contas de 2011.
Infraestruturas e urbanización
No que toca ás infraestruturas, o medio ambiente e o transporte, o investimento na provincia de Ourense sumará máis de 140 millóns de euros. Deste total, preto de 105 millóns dedicaranse a estradas, máis de 400.000 euros a urbanismo, máis de 14 millóns a parques empresariais e cerca de 7 millóns a depuración e saneamento. Ademais, auméntase nun 69% o presuposto para impulsar os plans de gasificación en Xinzo, Verín e O Barco.
O Goberno galego vai desenvolver tamén actuacións de urbanización e humanización no centro de interpretación castrexo de San Cibrán de Lás.
Por último, o conselleiro de Educación lembrou que se manteñen os compromisos coas infraestruturas xudiciais, en concreto no novo edificio xudicial da cidade das Burgas; e que se manterán as entregas a conta dentro dos fondos de cooperación local nesta provincia.