Cultura e Educación convoca 8 bolsas de formación en proxectos de investigación do Centro Ramón Piñeiro
A orde de convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia reafirma o compromiso da Consellería coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia
As persoas interesadas poden presentar as súas solicitudes ata o vindeiro 13 de agosto
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pola que se convocan 8 bolsas de formación en proxectos de investigación que se están a desenvolver no Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades (CRPIH). O texto completo da convocatoria está dispoñible en www.lingua.gal.
En concreto os proxectos incluídos na convocatoria son o Etiquetador/Lematizador do Galego Actual (CORGA/XIADA), o ‘Corpus documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA), a Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), o Proxecto Terminoloxía científico-técnica, o de Informes de Literatura, o de Recuperación de textos poéticos e xornalísticos galegos, o proxecto Lírica profana galego-portuguesa e o de Dimensión da identidade colectiva de Galicia. Trátase, pois, de 8 bolsas que supoñen a reafirmación do compromiso da Consellería coa investigación lingüística, literaria, histórica e antropolóxica sobre a lingua propia de Galicia, co fin de avanzar na súa normalización e promover o seu uso en todos os eidos profesionais e sociais.
As persoas interesadas en concorrer á convocatoria poden presentar as súas solicitudes desde mañá e ata o vindeiro 13 de agosto.
Requisitos
A convocatoria destas bolsas vai dirixida a titulados/as universitarios/as, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional ou investigadora. Poderán presentarse as persoas licenciadas ou graduadas nas titulacións de ciencias políticas e da administración, historia, documentación, tradución e interpretación e filoloxías.
Ademais as persoas aspirantes deberán acreditar posuír os requisitos específicos para cada proxecto, tales como coñecementos de informática, ter capacitación para ler e traducir textos en diferentes linguas románicas no estado medieval, práctica na elaboración de repertorios bibliográficos comentados ou manexo de procesadores de texto e bases de datos, entre outros. Os/as bolseiros/as desenvolverán o seu labor neste centro ata o ano 2017, o que supón unha oportunidade para que o estudantado titulado das universidades poida iniciar a súa actividade no eido da investigación.
Traxectoria do CRPIH
O CRPIH destaca pola relevancia dos seus proxectos e mais pola súa contribución á formación investigadora. Desde a súa creación hai 22 anos, pasaron polo centro de investigación adscrito á Secretaría Xeral de Política Lingüística 445 investigadores/as diferentes: 308 bolseiros e bolseiras galegos que se formaron participando nos proxectos do Piñeiro e outros 137 bolseiros e bolseiras de diversos países do mundo que estiveron un semestre desenvolvendo traballos de investigación propios asesorados polos directores de proxectos semellantes aos seus no centro de investigación que hoxe cumpre dúas décadas. Moitos destes bolseiros son hoxe doutores, profesores universitarios ou docentes no ensino medio e, desde os seus postos actuais, continúan a ofrecer importantes contribucións ao coñecemento sobre a lingua e a literatura galegas.
Actualmente, o Centro Ramón Piñeiro ten en marcha un total de 20 proxectos de investigación, fundamentalmente das áreas lingüística e literaria. Na de lingua, avánzase no Corpus de Referencia do Galego Actual (CORGA), no mencionado CoToVía, na Bibliografía Informatizada da Lingua Galega (BILEGA), no Corpus Documentale Latinum Gallaeciae (CODOLGA) ou na liña de investigación de fraseoloxía galega.
Na área de literatura, hai proxectos orientados á literatura medieval, coma o xa sinalado Arquivo Galicia Medieval, e outros dirixidos ao estudo da literatura galega contemporánea, coma o de Bibliografía da literatura galega, o Dicionario xeral de termos literarios, os Informes de literatura, os proxectos de recuperación de narrativa, de poesía ou de revistas dos séculos XIX e XX ou os Cadernos Ramón Piñeiro. Ademais, desenvólvese o proxecto antropolóxico Dimensión da identidade colectiva de Galicia e prodúcense obras de filosofía, de socioloxía, de cine ou de ciencia política.