A Consellería de Educación impulsa a formación das persoas adultas, coa sinatura dun convenio coa Fundación ECCA
Esta entidade leva 25 anos formando estudantes para a obtención do título de graduado en educación secundaria
O Consello da Xunta deu hoxe o visto e prace á sinatura dun convenio de colaboración entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Fundación ECCA na formación de persoas adultas para a obtención do título de graduado en educación secundaria.
Deste xeito, a Xunta de Galicia axuda a que as persoas adultas que o desexen poidan utilizar a metodoloxía propia da Fundación ECCA -baseada nas emisións radiofónicas para a obtención do devandito título, básico no sistema educativo actual. Esta metodoloxía resulta especialmente útil para aquelas persoas que viven en zonas xeograficamente illadas ou traballan en horarios que lles impiden a asistencia habitual ás clases nun centro ordinario de educación de adultos.
A Fundación ECCA ten como obxectivo fundamental a promoción cultural e a elevación da formación humana das persoas. Isto realízao desde hai máis de dúas décadas, utilizando unha metodoloxía específica, que usa as emisións radiofónicas como medio de comunicación. A través desta metodoloxía milleiros de persoas obtiveron formación básica de adultos na nosa comunidade ao longo dos últimos 25 anos. Vén colaborando coa Consellería de Educación desde 2005.
A Fundación ECCA inscribiu, de feito, 624 persoas adultas no curso 2009/2010 nas actividades de preparación para as probas de graduado en secundaria, o que demostra a gran acollida desta iniciativa entre a cidadanía.
Materiais e docencia
Ao abeiro deste convenio a Fundación ECCA porá á disposición do alumnado o material didáctico necesario para o seguimento da súa metodoloxía, concretamente 13 libros e os seus correspondentes CD, e fotocopias das orientacións nas cales se recollen exercicios semanais por materias. Ademais, ECCA comprométese a emitir as correspondentes clases, unha hora diaria de luns a venres entre outubro e maio, e unha hora diaria de luns a venres entre xullo e agosto para clases de repaso. Os estudantes poderán escoitalas desde o canle 96.5 FM,– con cobertura en todas as Rías Baixas-, ou ben acceder aos CD que a Fundación deberá repartir a quen non teña cobertura para estas emisións.
Para poder seguir as clases, o alumnado terá que estar inscrito nun centro público con ensinanzas autorizadas de educación secundaria para adultos a distancia, ou ben nas probas libres para a obtención do título de graduado en secundaria para maiores de 18 anos.
Pola súa banda, a Consellería de Educación destinará nove profesores para atender este alumando, orientalo, e gravar as clases que se emiten por radio. Ademais, estes docentes elaborarán os materiais escritos específicos que utilizan as persoas adultas que seguen estas ensinanzas.
Formación ao longo da vida
A Consellería de Educación, tendo en conta o papel fundamental que xogan os medios de comunicación social, pola súa capacidade de chegar a un gran número de persoas, quere dar coa sinatura deste convenio resposta a un maior número de persoas adultas que precisan da devandita titulación, básica no sistema educativo actual. Así, amplíase ademais a oferta educativa para as persoas adultas a través dunha modalidade de formación semipresencial que incorpora a radio como vehículo de transmisión de saberes e coñecementos.
Deste xeito a Consellería de Educación dá un novo impulso á formación das persoas ao longo da vida, co fin de darlles a oportunidade de acadar mellores oportunidades no mundo laboral.