Román Rodríguez felicita aos galardoados cos Premios á Cultura e á Investigación, que nacen do “apoio e compromiso” da Deputación de Pontevedra
O conselleiro de Cultura e Educación participou na entrega destes recoñecementos, que premian os traballos creativos, de investigación e protección do patrimonio realizados na provincia
Nove participantes resultaron galardoados polos seus proxectos relacionados co mundo científico, mentres que na categoría cultural se recoñeceron outros sete
O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, participou hoxe na entrega de Premios á Cultura e á Investigación que outorga a Deputación de Pontevedra. Precisamente, o titular educativo da Xunta de Galicia quixo recoñecer o “apoio e compromiso” da institución provincial coas ideas innovadoras e científicas así como cos proxectos culturais e de protección do patrimonio desenvolvidos dende a provincia pontevedresa.
Neste senso, Román Rodríguez recordou tanto o labor de protección realizado pola Deputación da obra de estudosos e intelectuais como Valle-Inclán ou Castelao como o seu respaldo ao mundo científico a través da edición de revistas relacionadas coa investigación. Estes premios son unha mostra máis, segundo explicou, da súa aposta por estes dous eidos, que redunda finalmente na construción “dunha base sólida” de coñecemento científico e cultural.
Así mesmo, o conselleiro felicitou a todos os galardoados –nove na categoría de investigación e sete na sección de cultura– polo seu “esforzo, perseveranza e ilusión”. Porque, tal e como salientou o responsable do departamento educativo, máis aló do premio en metálico, gozan dun recoñecemento público do seu traballo, que suporá un antes e un despois na súa traxectoria.