O escritor Uxío Novoneyra chega aos centros educativos a través dun DVD que afonda na súa figura e na súa obra
Trátase de “En prol dun verso: Uxío Novoneyra”, unha ferramenta didáctica promovida pola Xunta de Galicia para achegarlle o poeta do Courel ao alumnado de educación secundaria
O escritor Uxío Novoneyra chega aos centros educativos a través do DVD En prol dun verso: Uxío Novoneyra, que busca achegarlles ao alumnado a figura e a obra do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2010.
Os centros de ensino de Galicia que imparten educación secundaria xa dispoñen dun exemplar deste material, que tamén conta cunha unidade didáctica para traballar os contidos do vídeo.
A Secretaría Xeral de Política Lingüística e a Dirección Xeral de Promoción e Difusión da Cultura promoveron esta obra como derradeira homenaxe a Uxío Novoneyra no 2010, ano que a Real Academia Galega lle dedica ao escritor.
Recitais de Novoneyra e do alumnado do Courel
O DVD recolle imaxes de Uxío Novoneyra no Courel recitando os seus propios poemas, unha oralidade única que engarza a memoria do poeta co futuro, representado polos rapaces e rapazas da escola Seoane do Courel, que acompañan o autor no recital dos seus versos.
O vídeo tamén intercala os testemuños e a análise literaria dos escritores Manuel Forcadela e Marica Campo, da crítica Dolores Vilavedra e do amigo e membro do grupo Brais Pinto Herminio Barreiro.
Unha ferramenta didáctica para o profesorado
Ademais, o DVD acompáñase dunha unidade didáctica para afondar na figura e na obra do autor a partir do vídeo, dirixida, principalmente, ao alumnado de secundaria (ESO e bacharelato). As actividades que se propoñen neste material son orientativas, no sentido de que se entenden como suxestións ou ideas que o profesorado poderá seleccionar, adaptar e/ou completar para axustarse á realidade do seu centro e da súa aula.
Dada a importancia de Uxío Novoneyra na literatura galega do século XX, a Xunta de Galicia promoveu a elaboración deste material non só coa pretensión de sumarse ás homenaxes no ano dedicado ao autor, senón tamén coa de ser empregado en próximos cursos para achegar o alumnado á obra do poeta do Courel.
Á parte do bloque de literatura, os obxectivos perseguidos con esta unidade abranguen outros aspectos do currículo, como por exemplo os relacionados coas destrezas comunicativas orais e escritas en lingua galega.