A comisión de financiamento do Consello Galego de Universidades pecha o panel de indicadores do Plan de financiamento 2011-2015

A Secretaría Xeral de Universidades resalta que na decisión final tivéronse en conta as suxestións realizadas polas universidades galegas

Lun, 11/10/2010 - 17:09
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, durante a xunt
O secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro, durante a xuntanza

O secretario xeral de universidades da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, José Alberto Díez de Castro, mantivo hoxe unha reunión comisión de financiamento delegada do Consello Galego de Universidades (CGU) na que quedou pechado o panel de indicadores do plan de financiamento. No encontro estiveron presentes o reitor da Universidade de Santiago e A Coruña; Juan Casares Long, e José María Barja respectivamente; así como os vicerreitores económicos das tres universidades galegas, representantes dos Consellos Sociais e dos partidos parlamentarios.

As áreas de reparto dos indicadores

Así no encontro de hoxe determináronse os vinte indicadores que marcaran o financiamento por resultados ou variable ata o 2015.

Estes indicadores están divididos en oito áreas, de modo que a estrutura queda do seguinte xeito:

Área I: Adaptación das necesidades sociais:
• Estudantes, de novo ingreso, matriculados na súa primeira opción preferida.
• Tempo medio que tarda os graduados en atopar un emprego relativo a súa formación.

Área II: Docencia:
• Cualificación do Persoal Docente e Investigador (PDI): neste caso se calculará a porcentaxe de PDI con grao de doutor sobre o total do plantel do PDI da Universidade.
• Taxa de graduación entre os estudantes que rematan os estudos no tempo establecido no programa académico.
• Alumnos de nova matrícula en posgrao por estudante graduado no ano anterior.

Área III: Investigación:
• Número de programas de doutoramento con mención de calidade ou selo de excelencia sobre o total de programas de doutoramento.
• Produción de artigos en revistas científicas de prestixio publicados durante o ano polo PDI.
• Resultados de investigación, de carácter académico por número de sexenios.
• Ingresos de investigación por proxectos competitivos.

 Área IV: Transferencias de tecnoloxías
• Número de patentes concedidas.
• Ingresos pola transferencia prestación de servizos de investigación, consultoria e asesoramento.

Área V:Proxección internacional:
• Alumnas e alumnos de intercambio con universidades estranxeiras en estudantes de grao o posgrao.
• Número de meses de estancia en universidades estranxeiras do PDI.

Área VI: Responsabilidade social:
• Acción social e formación en valores, dos estudantes que participan en programas de voluntariado, participación e cooperación dunha maneira activa.
• Número de teses lidas (aprobadas) en lingua galega.

Área VII: Xestión:
• Porcentaxe do Persoal de Administración e Servizos (PAS) da universidades que participou en programas de formación no ano anterior.
• Porcentaxe de certificacións de implantación de sistemas de calidade da xestión das universidades.

Área VIII: Campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra:
• Produción de artigos en revistas científicas de prestixio publicados durante o ano polo PDI con praza nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
• Alumnado matriculado na súa primeira opción preferida nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.
• Porcentaxe dos sexenios de investigación recoñecidos pola administración do Estado ata o ano sobre o total de sexenios posibles que corresponden ao PDI que ten prazas nos campus de Ferrol, Lugo, Ourense e Pontevedra.

As áreas con maior ponderación deste grupo serán Investigación e Docencia; seguidas por Transferencia de Tecnoloxías e Proxección Internacional. O menor peso no momento do reparto corresponderan ao resto das áreas (I, VII, VII e VIII).

Bases do plan

Co avance desenvolvido hoxe continúase co traballo desenvolvido desde o ano pasado para a elaboración do documento denominado “Liñas básicas para a elaboración do plan de financiamento do Sistema Universitario Galego 2010-2015”.

Desde a Secretaría Xeral de Universidades da Consellería de Educación recórdase que os indicadores para o novo plan de financiamento, que entrará en funcionamento no 2011, establecen mecanismos como o plan de sustentabilidade e o panel de indicadores.

Deste modo poderase, de xeito gradual, modificar o financiamento das universidades en función de que acaden os obxectivos fixados, dando unha resposta aos esforzos reais e aos seus resultados.